top of page

A Xunta destina preto de 65.000 € a programas de voluntariado sénior en 8 concellos, entre eles Lalín

E tamén se inclúe nesta contía económica 23 entidades sen ánimo de lucro


Ecos da Comarca/Lalín

A Xunta de Galicia destinará preto de 65.000 euros a que oito concellos, entre eles un das comarcas, e 23 entidades sen ánimo de lucro poidan desenvolver programas de Voluntariado sénior. Así se recolle na resolución destas axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para 2024, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, e que teñen a finalidade de ofrecer ás persoas maiores de 55 anos a oportunidade de desenvolver actividades de voluntariado, favorecendo así que manteñan unha vida activa e se contribúa a aproveitar, como sociedade, todos os seus coñecementos de vida.

Segundo as bases destas axudas, puideron ser obxecto destas subvencións aqueles proxectos que contasen cun máximo de 8 persoas voluntarias. No entanto, no caso de que as solicitudes fosen achegadas por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, a cifra de participantes podía ser de ata 20 persoas.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

No relativo á contía das axudas, estaban establecidas de ata 2.400 euros, nos casos de que se contase con 8 persoas voluntarias colaborando 3 horas ao día por un total de 60 días. De calquera xeito, as axudas poden ser de ata 6.000 euros para aqueles proxectos que contasen con 20 persoas voluntarias cunha colaboración de 3 horas ao día por un total de 60 días.


As axudas tiñan dúas modalidades, para entidades sen ánimo de lucro e para entidades locais, que podían concorrer de xeito individual ou conxuntamente baixo fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Neste último caso, fóronlles concedidas aos concellos de Vedra, Lousame e Padrón, da provincia da Coruña; ao lucense de Mondoñedo; Verín e A Veiga, de Ourense; e aos de Lalín e Mos, da provincia de Pontevedra.


Proxectos subvencionables

En canto as temáticas das propostas que puideron optar a estas axudas, atópanse

aquelas actividades relacionadas co Camiño de Santiago; con accións de recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas; con intervencións orientadas á conservación da natureza e creación de contornas saudables; con proxectos relacionados coa igualdade de xénero ou actuacións orientadas á innovación e investigación en relación co benestar das persoas maiores.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Tamén podían optar a estas axudas, aquelas actividades cuxo obxectivo fose a humanización das contornas rurais e urbanas; as que gardasen relación co fomento da utilización das novas tecnoloxías da información e comunicación; as que recollesen iniciativas de mellora dos servizos comunitarios; as encamiñadas a orientar a eliminar estereotipos sobre as persoas maiores; ou as propostas que fomentasen a cooperación interxeracional como xeito de aprendizaxe mutua.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page