top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta destina 75.000 euros ao programa municipal de envellecemento saudable ‘Lalín Activa’

O investimento total nesta iniciativa supera os 91.000 euros, dos que o Concello achegará máis de 16.000


Ecos da Comarca/Lalín

A Xunta de Galicia achegará 75.000 euros para o financiamento do programa ‘Lalín Activa’ para este ano 2023, que contará cun investimento total de 91.358 euros e dos que o Concello aporta 16.358 euros. A iniciativa ten como finalidade ofertar unha ampla proposta de actividades de envellecemento activo e de conciliación e respiro familiar, dado que maiores que conviven coas súas familias pasan moito tempo en soidade debido ás responsabilidades laborais que teñen as persoas que se encargan do seu coidado.

Este programa responde ás necesidades das persoas maiores, e é posible co financiamento da Consellería de Política Social e Xuventude. ‘Lalín Activa’ únese a outras iniciativas de carácter municipal como a Aula Sénior Lalín, que leva funcionando un ano con éxito, as clases de musicoterapia ou outras actividades de corte físico que ofrece o Concello.


Unha porcentaxe significativa das persoas maiores do Concello teñen dificultades para afrontar os problemas propios da idade, participar no tempo de ocio, desfrutar das actividades cotiás e ocupar o tempo libre de xeito satisfactorio. Esta situación pode levar consigo un risco de progresivo illamento social e unha dificultade de conciliación familiar e laboral dos seus familiares, por iso, vanse poñer en marcha actividades nas que se ocupen e melloren as necesidades individuais de cada persoa usuaria.

Beneficiarios

Cómpre destacar que a maiores da poboación diana á que se lles pretende proporcionar este servizo, tamén poderán acudir ao desenvolvemento das actividades persoas maiores de 55 anos que pretendan conseguir un envellecemento activo.

O programa poderá ofrecer servizo a 250 usuarios en 10 locais no que o horario do persoal será partido en dúas sesións para levar a cabo o servizo en dúas parroquias cada día de 9:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres. Estímase que como beneficiarios directos e indirectos desta medida de conciliación haxa aproximadamente 500 persoas.

As actividades que poderán desenvolverse segundo o estipulado no convenio son as seguintes: estimulación cognitiva e sensorial, dinámicas grupais como grupos de actualidade e debates, actividades de psicomotricidade, xogos de lóxica e de palabras e manualidades.

Obradoiros

Tamén se poderán organizar distintos obradoiros, charlas formativas, apoio psicolóxico e motivacional, terapia ocupacional, coidados e servizos de hixiene persoal básicos, realización de actividades que favorecen o ocio e as relacións interpersoais, actividades interxeracionais. O convenio inclúe, así mesmo, a posibilidade de levar a cabo sesións de ximnasia e rehabilitación física, sesións semanais de musicoterapia e cancioneiro popular e o abordaxe terapéutico desde a orientación psicolóxica das persoas usuarias con demencia.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page