Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vai destinar unha achega de 714.512 euros aos oito concellos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución para as comarcas nunha visita á Estrada, onde supervisou as obras realizadas coa anterior convocatoria na compaña do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, do alcalde, José López, e doutros representantes municipais, aos que confirmou que a dotación deste programa para o seu concello increméntase este ano en case 33.000 euros.

“A Xunta prevé inxectar máis de 700.000 euros nestas bisbarras do interior norte da provincia para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, algo que é
fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a
estas tarefas do campo. Ademais, a aposta pola colaboración cos concellos refórzase
aínda máis, xa que a partida increméntase de xeito considerable nunha media dun 30%
con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico.
En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural outorga 140.362 euros ao Concello da Estrada, 114.679 euros a Lalín, 94.932 euros a Silleda, 82.985 euros a Rodeiro, 82.165 euros a Agolada, 78.183 euros a Forcarei, 68.099 euros a Vila de Cruces e 53.107 euros a Dozón.
Comments