A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse este venres coa directiva desta entidade, que celebra este ano o seu décimo aniversario
Laura Moure/Melide
A conselleira María José Gómez, puxo onte en valor o relevante papel de entidades como a Asociación Alecrín de Mulleres Rurais da comarca de Melide na dinamización do agro galego. A titular de Medio Rural mantivo onte un encontro coa directiva desta asociación e trasladou a intención da Xunta de reforzar a colaboración con este colectivo, que conmemora neste 2025 o seu décimo aniversario.
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_8e3a4a625a994c8184a568d438a1b205~mv2.jpg/v1/fill/w_980,h_653,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/0216be_8e3a4a625a994c8184a568d438a1b205~mv2.jpg)
Con este motivo, Alecrín ten previsto desenvolver ao longo deste ano diferentes iniciativas, entre as que se atopan unha xuntanza con mulleres rurais de toda Galicia, un festival de ioga a nivel nacional, unha exposición de retratos de mulleres rurais desenvolvendo os seus traballos ou a edición dun libro ilustrado do rural galego con especial fincapé no papel das mulleres e feito polas asociadas que participan nos talleres de ilustración.
Nesta liña, Gómez salientou que esta asociación conta actualmente con arredor de 900 asociadas, a maior parte delas da comarca de Melide, pero tamén doutras localidades, e
que oferta diferentes actividades, entre as que salientan a cestería, o ioga e pilates, a
ximnasia, a ilustración ou a bailoterapia. Toda esta oferta incide, tal e como destacou a
conselleira, na activación e dinamización do tecido social do rural da contorna, así como
na mellora da calidade de vida das asociadas e das súas familias, xa que a maior parte
das actividades programadas teñen unha clara influencia positiva no benestar do colectivo.
Publicidade
En parecidos termos, María José Gómez puxo de relevo o papel da muller no agro e a súa
contribución ao desenvolvemento de todo o territorio, tanto polas súa aportación no eido
económico e produtivo como no ámbito social, cara onde se orientan as actuacións desta
asociación situada en Melide.
Do mesmo xeito, a conselleira subliñou a colaboración que Alecrín vén mantendo coa
cooperativa CLUN e as sinerxías que supón esta cooperación para ambas partes e que
representa ademais un exemplo de entendemento e traballo en común a prol do rural na
nosa comunidade.
Commentaires