top of page

A Xunta destaca a Feira Corazón de Artesanía como emblema do talento de Galicia neste sector

A cita celébrase esta fin de semana nos Pendello de Agolada


Laura Moure/Agolada

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, inaugurou onte o XII Encontro da artesanía tradicional e popular de Galicia Corazón de Artesanía, que se celebra desde hoxe ata este domingo nos Pendellos de Agolada. Alí, José González puxo de relevo esta cita como emblema do talento que atesoura Galicia no sector artesanal e o seu potencial para dinamizar o territorio, especialmente o rural. 


Neste sentido, sinalou que esta iniciativa pon en valor os oficios artesáns e a promoción dos seus produtos incentivando a relación destes profesionais con empresas de distribución de produto e tendas co fin de impulsar este sector. De feito, nesta edición de Corazón de Artesanía hai representados máis de 25 oficios, entre eles sombreirería, instrumentos musicais, xoiería, ourivería, olería, redeiras, carpintería ou tapicería.

A isto súmanse o talento de case 60 artesáns que estarán presentes neste encontro entre expositores e os docentes dos sete cursos de formación especializada e seis obradoiros que se desenvolverán ata o domingo. Isto compleméntase con showcookings e degustacións, dentro do programa Artesanía no Prato e a cargo de diferentes profesionais do sector gastronómico galego, así como con música e expositores de alimentación con participantes do selo Artesanía alimentaria.


Neste acto —no que tamén estiveron membros do equipo directivo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes— o conselleiro puxo de relevo o valor de Corazón de Artesanía como escaparate deste sector en Galicia avalado por recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría para Entidades Públicas grazas ao seu papel para impulsar a competitividade do sector e  achegar a todos os públicos os oficios artesanais tradicionais. Ademais, esta cita contribúe a impulsar o nacemento de novas vocacións artesanais, o asociacionismo e o cooperativismo, así como a poñer en valor o selo Artesanía de Galicia e a crear sinerxías e colaboracións con outras disciplinas como a gastronomía. 


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Apoio da Xunta

O titular de Emprego, Comercio e Emigración expuxo que iniciativas coma esta exemplifican a aposta da Xunta a prol da artesanía galega, a través da Fundación Artesanía de Galicia e da marca Artesanía de Galicia, como vía de futuro para o emprendemento sostible promovendo a remuda xeracional. Unha aposta, engadiu que se reflicte tamén no Plan estratéxico de comercio 2025-2030 con medidas como as futuras bolsas de aprendices para o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciativa de formación continua para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais e para captar novos talentos que aseguren o futuro do sector.


A aposta polo emprendemento artesanal compleméntase coa estratexia global de emprendemento que impulsa a Xunta, coa Rede de polos como máximo expoñente, e tamén coa atracción de talento das galegas e galegos do exterior, con apoios chave na remuda xeracional como as axudas ao Retorno Emprendedor (1M€).


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Outros apoios aos que se referiu o conselleiro son os destinados a obradoiros artesanais, concellos e asociacións para impulsar a comercialización e a competitividade da artesanía de Galicia e os Premios Artesanía de Galicia 2025, que visibilizan o potencial do sector artesán galego e para os que se poderá presentar candidaturas entre o 15 e o 26 de setembro. 

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page