O convenio contempla que os Concellos leven actuacións de xestión de biomasa nas vías municipais ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano con cargo ao acordo
Laura Moure/Toques
A Xunta declarará proximamente un total de 19 perímetros de alto risco de incendio (PARI) en vías municipais doutros tantos concellos galegos, entre eles no de Toques. Esta figura, prevista na normativa de aplicación, ten por obxecto previr os lumes forestais adecuando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa situadas preto das vivendas. O Consello da Xunta vén de coñecer este xoves un informe da Consellería do Medio Rural sobre esta medida, como paso previo á publicación da relación destes PARI no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. En total, mediante esta figura prevese actuar en preto de 192 hectáreas de terreo pertencentes a 19 municipios: Bergondo, Carral, Ponteceso, Toques e Carnota, na provincia da Coruña; Navia de Suarna, Pantón e A Pastoriza, na de Lugo; Carballeda de Avia, O Carballiño, Maceda, Carballeda de Valdeorras, Manzaneda e Oímbra, na de Ourense e Crecente, As Neves, Gondomar, Pazos de Borbén e Campo Lameiro na de Pontevedra.
Autor: Ecos da Comarca
A declaración destes PARI farase no marco do convenio de colaboración asinado en agosto de 2018 entre a Xunta, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias (as máis próximas ás vivendas). O convenio contempla a posibilidade de que os concellos poidan levar a cabo actuacións de xestión de biomasa nas vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano con cargo ao acordo. Pola súa banda, o concello proporá, dentro deses máximos, os puntos quilométricos en que se delimitará un PARI, de conformidade co procedemento establecido na lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
As actuacións
Dentro do tramo establecido no PARI, as actuacións consistirán na xestión da vexetación mediante a roza e a eliminación de especies pirofíticas, como os piñeiros, os eucaliptos ou as acacias, incluíndo o abatemento, tronzado, saca e amoreado da madeira e a recollida e eliminación de restos. Unha vez declarado o perímetro, os titulares dos predios ou dos dereitos de aproveitamento disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da notificación, para realizar os traballos de prevención e, de non facelo, as actuacións levaranse a cabo no ámbito do convenio, sen que os titulares teñan que asumir o seu custo, sen prexuízo do comiso da tala das especies non permitidas.
Coa declaración dos perímetros de alto risco de incendios preténdese acadar os obxectivos establecidos no Plan de Prevención establecido no Pladiga 2021, adecuando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa. Esta primeira declaración contempla actuacións nos 19 concellos sinalados, pero recibíronse máis solicitudes por parte de diferentes concellos que serán analizadas e que suporán posteriores declaracións
Comments