top of page

A Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a ampliación das instalacións de Campomayor

Cun investimento de 5,3 M€, inclúe dúas naves de galiñas en chan, unha planta de tratamento de galiñaza e instalación fotovoltaica, e pretende incrementar nun 61 % a súa capacidade de produción


Laura Moure/Palas de Rei

O Consello da Xunta declarou esta semana como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Granja Campomayor para ampliar as súas instalacións en Palas de Rei. Cun investimento de 5,3 millóns de euros, a empresa prevé a construción de dúas naves de galiñas en chan, unha planta de tratamento de galiñaza e unha instalación fotovoltaica.

Foto de arquivo.

Esta iniciativa pretende dar reposta aos retos a que se enfrontan as instalacións deste sector na actualidade e que pasan por promover sistemas máis respectuosos co ambiente e co benestar animal, así como por resolver a valorización e o tratamento da galiñaza e reducir os custos de produción mediante o autoconsumo ou o uso de enerxías limpas e alternativas. O proxecto de Granja Campomayor permitirá incrementar nun 61 % a capacidade de produción, polo que é necesario contar cunha planta de tratamento, xa que ante o alto volume que se prevé xerar non existe nestes momentos superficie agraria suficiente para a súa valorización. Suporá un impulso para seguir apostando polo rural e para fixar poboación. A empresa prevé comezar a finais de ano e rematar en 2026 todas as iniciativas planificadas.


O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración: supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (en concreto, serán 5,3 M€) e complementa cadeas de valor ou pertence a sectores estratéxicos como é, neste caso, o agroalimentario e, en concreto, o avícola, ao ter como obxectivo o valor engadido dos ovos mediante a elaboración de derivados. Granja Campomayor está dando mostras da súa aposta por seguir mellorando a súa competitividade. Neste sentido, ademais deste proxecto de ampliación, xa foi beneficiaria do programa InnovaPeme e este mesmo ano a súa gama de produtos Wovo foi galardoada co premio Galicia Alimentación na categoría de produto innovador.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A nova declaración aprobada no Consello da Xunta enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.


Unha vintena de iniciativas

Deste xeito xa son 20 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Naturgy Nuevas Energías (Meirama, Cerceda), Kern Pharma (Monforte de Lemos), agora Queserías Entrepinares (Vilalba) e agora Granja Campomayor (Palas de Rei).

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa, máis incentivos fiscais ás empresas e máis facilidades para acceder ao solo empresarial. A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page