A Xunta declara de utilidade pública a concentración parcelaria de San Salvador do Castro, en Dozón
Esta reestruturará unha superficie de 1.044 hectáreas repartidas en 6.328 parcelas propiedade de 383 veciños
Laura Moure/Dozón
O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza semanal tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de Guilfrei (Becerreá), Petín-Portela de Mourisco (Petín) e San Salvador do Castro (Dozón). Deste xeito, mediante a concentración global dunhas 1.688 hectáreas relativas a estes tres procesos, veranse beneficiados máis dun millar de propietarios.

Así, cómpre sinalar que o proceso de Guilfrei (Becerreá) afectará unha superficie total 441 hectáreas, repartidas en 1.871 parcelas propiedade de 142 veciños. A parcelaria de Petín-Portela de Mourisco (Petín) reorganizará unha superficie total de 203 hectáreas, repartidas en 2.188 parcelas de 619 veciños. Por último, a concentración de San Salvador do Castro (Dozón) reestruturará unha superficie de 1.044 hectáreas repartidas en 6.328 parcelas propiedade de 383 veciños.
Desta forma, cómpre indicar tamén que estes tres novos decretos de concentración parcelaria decláranse mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Por iso, os tres procesos foron solicitados por titulares de explotacións e apoiados polos respectivos concellos. No caso da parroquia de Becerreá, hai un total de 22 explotacións, na de Petín son 24 e na de Dozón 50, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona