top of page

A Xunta convoca en total 96 prazas de auxiliar de Policía Local en 21 concellos, entre eles Melide

O Diario Oficial de Galicia publicou este martes as bases reguladoras do proceso selectivo, que será de oposición por quenda libre


Laura Moure/Melide

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a convocatoria do proceso selectivo unitario para cubrir 96 prazas de auxiliar de policía local mediante contrato temporal en 21 concellos galegos, entre eles Melide. Trátase dun procedemento que será de oposición por quenda libre e permitirá, aos que o superen, ser contratados en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formar parte da listaxe de reserva.

O proceso consta de tres probas que comezan coa de aptitude física, na que por primeira vez non se establece o requisito de estatura. As persoas que a superen, serán convocadas á realización da proba de coñecementos e, de ser o caso, á de avaliación do coñecemento da lingua galega. Tanto os aspirantes aprobados como os incluídos na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) como requisito indispensable para ser contratados como auxiliares de policía local, agás os que xa o realizasen nos últimos catro anos.

As persoas interesadas poden presentar as solicitudes a partir de hoxe ata o 14 de marzo na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Posteriormente, publicarase no DOG a relación de persoas admitidas e excluídas e, na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública https://agasp.xunta.gal/gl, así como as datas de celebración das probas selectivas e demais comunicacións dos procesos.


Os municipios

Os 21 concellos que convocan as 96 prazas son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Barbadás, Bergondo, Cambados, Carballo, Cedeira, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Meaño, Melide, Miño, Nigrán, Noia, O Barco de Valdeorras, Poio, Sada, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local, a través dun convenio de colaboración.


Cómpre engadir que o ano pasado 246 auxiliares de policía local superaron tamén na Academia algunha das seis edicións impartidas do curso selectivo obrigatorio para tomar posesión das súas prazas. Para ingresar nos corpos de Policía local é necesario superar este curso de 850 horas como mínimo na Agasp.

Preto de 170.000 efectivos formados desde 1993

Na Academia Galega de Seguridade Pública formáronse no período 1993-2022 un total de 168.520 persoas. Desta cifra, 2.924 formaron parte das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos. Por unha banda, 1.742 corresponden ás 14 promocións de Policía Local -834 alumnos- e ás 25 de gardas de Policía Local, con outros 908 integrantes. A eles súmanse outros 492 axentes formados nas promocións das categorías de mandos: 272 nas 18 promocións de mandos (sarxentos, cabos e suboficiais) e os 219 restantes das sete promocións de inspector de Policía Local, das oito de oficial e das tres de intendente.


Á marxe dos case 3.000 efectivos das promocións anteriores, outros 165.326 alumnos corresponden a membros das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade que participaron nestes anos nos milleiros de cursos incluídos nos plans de formación continua da Academia, co obxectivo de actualizar os seus coñecementos.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page