Ecos da Comarca/Melide
A Xunta considera que unha pancarta contra Altri resulta "ameazante para a conselleira de Medio Ambiente" a melidense Ánxeles Vázquez. E a propia titular deste departamento tamén se pronunciou nas súas redes sociais: "Hai liñas vermellas que non se poden cruzar. Nunca. Coas familias non se xoga. O BNG e os seus satélites van calar cando se ameaza e intimida a menores de idade e persoas maiores?" O veciño, autor da pancarta, responde.

Resposta do autor da pancarta
"Como veciño de Melide e afectado pola posible implantación da macrocelulosa de Altri, autor da pancarta á que Xunta de Galicia fai referencia, síntome na obriga de explicar o contexto no que tiveron lugar os feitos.
Publicidade
Veciñas e veciños en contra da implantación da macrocelulosa de ALTRI acudimos de xeito pacífico a un acto deportivo (carreira popular) que congregaba a multitude de asistentes para dar visibilidade á nosa causa, como levamos feito en varias ocasións e con motivo doutros eventos ou celebracións. Calquera momento é bo para dar visibilidade a esta problemática. Situámonos tanto no percorrido como no punto de meta, na Praza do Convento, para, diante do Concello de Melide, facer a mesma acción.
A pancarta á que se fai mención non pretendía ser, nin moito menos, unha ameaza, senón unha alusión a que a saúde das nosas familias, (incluíndo a da mesma conselleira) veríase
tremendamente afectada por Altri. Somos miles de familias na comarcas da terra da Ulloa que estamos preocupadas pola saúde das nosas familias, igual que debera de estalo a Conselleira de Medio Ambiente, ante este dinosaurio ambiental que expulsaría 8750 kg de productos tóxicos en forma de gases que botarían esas chemineas encima das nosas cabezas todos os días.
Sendo a nosa veciña e tendo o cargo político que ostenta, sentimos que o noso deber é advertirlle que ten responsabilidade á hora de autorizar o propio proxecto, de feito de chegar a autorizarse sería unha das principais responsables políticas desta desfeita.
Xa está ben que a Xunta de Galicia diga que o BNG está detrás de todo o movemento en
contra de Altri, non é certo, eu non son militante do BNG dende hai case unha década, son veciño de Melide e de Ánxeles Vázquez. Na manifestación de Santiago de Compostela, había máis de 100.000 persoas votantes de todas as ideoloxías políticas, tamén do Partido Popular, e de multitude de organizacións veciñais, ecoloxistas, sindicalistas etc. Este movemento tan masivo é a resposta de milleiros de persoas que lle levan dicindo á Xunta de Galicia xa hai máis dun ano que non autorice esta barbarie.
Non descansaremos ata parar esta macrocelulosa".
Ramón Laia, veciño de Melide
Comments