Este servizo comezará a funcionar a partir do 12 de abril
Laura Moure/Lalín
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conectará Lalín coa parroquia da Zobra a través da ampliación da liña de autobús compartido que vai do IES Laxeiro a Lodeirón a partir do vindeiro mércores 12 de abril. Deste xeito, modifícase o itinerario da actual liña de autobús compartido IES Laxeiro-Lodeirón-Bustelo, eliminando esta última parada, que pasa a ser atendida no marco da liña Os Carballiños–Bustelo.

Así, para dar servizo a Zobra, a liña procedente do IES Laxeiro modificará o seu actual trazado en Lodeirón, desde onde continuará con catro novas paradas: O Casteliño, Gondoriz Grande, Moa e Zobra. Estes cambios porán á disposición dos veciños de Zobra un servizo directo a Lalín.
A parroquia de Zobra disporá de conexión directa a través dun servizo de autobús compartido que funcionará en tempada lectiva de luns a venres, con horario de saída desde Zobra cara a Lalín ás 7:30 horas e chegada ás 8:30 horas; e desde o IES Laxeiro ás 14:35, con chegada a Zobra ás 15:35 horas.
Con esta mellora nos servizos integrados de autobús compartido aténdense as peticións do Concello de Lalín, ao tempo que se se dá resposta ás necesidades dos estudantes de etapas escolares obrigatorias. En tempada non lectiva o servizo funcionará baixo demanda, polo que as persoas usuarias poden reservar a súa praza a través do teléfono 988 68 78 00 de 8:00 horas a 19:00 horas, en días laborables. Esta reserva debe facerse antes das 20:00 horas do día laborable anterior no que se vaia a viaxar.
A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.
Comments