A Xunta concederá axudas directas aos gandeiros para paliar as consecuencias da EHE cuns 5,4 M€
- ecosdacomarca
- 24 sept 2024
- 3 Min. de lectura
Beneficiaranse as persoas titulares das explotacións afectadas por esta patoloxía en 2023 e 2024 e só deberán presentar unha aceptación da axuda axilizándose así a tramitación
Ecos da Comarca/Xeral
A Consellería do Medio Rural destinará máis de 5,4 millóns de euros ás axudas directas para os gandeiros galegos, co fin de paliar as consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Concretamente, seguiranse compensando as mortes dos animais positivos por esta doenza e, ademais, subvencionaranse os custos dos tratamentos veterinarios e desinsectantes dos animais e instalacións das explotacións afectadas nos anos 2023 e 2024.
As contías por animal falecido irán dos 400 euros por bovino menor de 4 meses ata os 1.600 euros para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses, e menor de 120, o que implica duplicar a contía que recibían os gandeiros por este mesmo concepto ata o de agora. Esta axuda será complementaria coa orde de indemnizacións por morte que xa se pagaron polo falecemento de 410 animais, cun importe de algo máis de 200.000 euros.
Aqueles que se beneficiasen desta última orde de axudas recibirán a diferenza entre os baremos destas achegas concretas para EHE e os importes xa cobrados. Sobre as achegas dirixidas aos tratamentos veterinarios e desinsectantes de animais e instalacións, as contías que se concederán serán de 20 euros por animal censado na explotación, cun mínimo de 140 euros para as explotacións cun censo inferior a 7 animais e un máximo de 4.000 euros por granxa.

Esta axuda pagarase polo total do censo dos bovinos da explotación, e non só polos afectados. Polo tanto, a Goberno galego disporá de máis de 5,4 millóns de euros para o financiamento destas axudas, dos cales 2,8 millóns se corresponderán coa repartición de fondos comprometida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a EHE e que se fará efectiva coa publicación dun real decreto nesta mesma semana. Cómpre sinalar que a estes fondos hai que sumarlle os 200.000 euros de fondos propios xa pagados como indemnización por bovino morto, o que fai un total superior aos 5,6 millóns de euros en axudas directas relacionadas con esta doenza en Galicia.
As máis cuantiosas de España
Estas liñas de axuda establecidas pola Consellería do Medio Rural son as máis cuantiosas das publicadas ata o de agora polas comunidades afectadas pola EHE. Tamén cómpre recordar que Galicia foi xa unha das pioneiras neste sentido e habilitou a comezos de 2024 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade. Ademais, ao ser axudas directas, redúcese a carga burocrática para os gandeiros. As persoas que se beneficiarán son as titulares das explotacións afectadas pola EHE, que só terán que presentar unha aceptación da axuda sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación. A previsión de publicación desta resolución é ao final do período de actividade do mosquito vector transmisor da doenza -estímase que baixe a súa incidencia de cara a mediados do mes de novembro-, co obxectivo de que opten á axuda todas as explotacións afectadas no presente ano.
Publicidade
Vacina dispoñible
A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe, polo tanto, un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, en que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais. A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles.
Ademais, esta doenza non afecta as persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais. Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector.
Comments