top of page

A Xunta concede senllos programas de emprego á AED e Agaca e 23 cursos AFD en Deza-Tabeirós

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra informou que estas novas iniciativas mellorarán a empregabilidade de ata 545 persoas das comarcas


Laura Moure/Lalín

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de aprobar a concesión de senllos Programas Integrados de Emprego (PIE) a prol da Asociación de Empresarios de Deza (AED) da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e de 23 cursos AFD de formación para desempregados a impartir nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes cun investimento de 1,5 millóns de euros. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá da aprobación destas novas iniciativas laborais para estas dúas bisbarras do interior, que “mellorarán a empregabilidade e favorecerán a inserción e a aparición de oportunidades de traballo” para ata 545 persoas desempregadas da zona.

ree

“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao

emprego e a formación, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno, e

actuamos con especial intensidade nesta importante contorna do interior da provincia, que

supera claramente os 60.000 habitantes. Por iso, e con estes novos Programas Integrados

de Emprego e os 23 cursos AFD, favoreceremos a formación laboral de ata 585 dezaos

cun investimento global de case 2,5 millóns de euros, posto que a estas novas iniciativas

que hoxe anunciamos hai que engadir que, dende o mes de outubro, xa estamos

preparando a outras 40 persoas nos dous obradoiros de emprego do Concello de Lalín e o

agrupado de Dozón, Rodeiro e Agolada”, detallou o representante autonómico.


Continuidade

O PIE outorgado á Asociación de Empresarios de Deza, que dá continuidade á edición actualmente en vigor e que se clausurará nuns días, conta cun novo investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 35% entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante doce meses, ao tempo que contará coa colaboración de empresas da contorna co único obxectivo de que os participantes atopen un posto de traballo.

ree
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“A AED é unha entidade cun magnífico funcionamento e leva tres décadas de traxectoria a

prol do dinamismo da bisbarra, con especial fincapé no emprego, e por iso a concesión dun PIE xa é un clásico por parte da Xunta porque presenta proxectos tecnicamente moi

valorados, conta cunhas magníficas instalacións, coñece perfectamente o mercado e as

necesidades das empresas e ademais sempre cumpre sobradamente cos ratios de

inserción”, engadiu o representante autonómico.


Ademais, a bisbarra tamén se vai beneficiar do PIE outorgado a Agaca, coa mesma

duración, cifra de participantes e investimento que o da AED, e que delimitou o seu ámbito

territorial aos municipios de Lalín e Rodeiro xunto con outros catro da provincia de Lugo

nos que tamén ten un importante peso laboral o sector primario.


Cursos AFD

Por outra banda, os 23 cursos AFD de formación para desempregados en Deza e Tabeirós

están a comezar ao longo destas semanas do outono e prolongaranse, segundo o caso,

ata o vindeiro mes de maio, xa que a súa duración oscila entre as 38 e as 828 horas

dependendo do contido. A distribución por concellos inclúe 15 actividades en Lalín, 7 na

Estrada e unha en Silleda. En total serán cinco as entidades que impartirán estas actividades nas bisbarras. As empresas, colectivos ou institucións encargados desta formación son Fundación de Estudos e Análises (Fesan), Instituto de Formación Profesional da Estrada, Academia Paidos, Autoescuela España e José Lago.


En canto aos cursos AFD que se impartirán en Deza e Tabeirós, a tipoloxía é moi variada

e inclúe comunicación en linguas galega e castelá, competencia matemática,

programación de sistemas informáticos, seguridade informática, organización do transporte e distribución, operacións de redes departamentais, xestión de almacén, control de aprovisionamento, montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, desenvolvemento de proxectos de instalacións frigoríficas, xestión da produción en

fabricación mecánica, desenvolvemento de proxectos de sistemas de automatización

industrial ou xestión comercial e técnica de seguros, entre outros.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page