Unha das propostas subvencionadas que acadou a maior puntuación foi a do Pino e consistirá na creación dun espazo de lecer ecolóxico no núcleo de Arca, en pleno Camiño Francés
Laura Moure/O Pino
A Xunta concedeu axudas por un importe de case 400.000 euros a unha vintena de concellos, entre eles O Pino, para executar accións que contribúan á mitigación e á adaptación ao cambio climático a través de proxectos piloto de carácter innovador para crear refuxios climáticos e aumentar a resiliencia dos seus territorios ante un fenómeno de dimensións globais pero que require tamén de solucións e medidas a nivel local.
Esta liña de subvencións foi convocada por primeira vez o pasado mes de maio pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e ía dirixida de forma específica a entidades locais de menos de 100.000 habitantes adheridas ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía e que xa tiveran redactado e presentado o seu correspondente Plan de acción neste eido. Unha vez analizadas todas as solicitudes, o Consello da Xunta tomou hoxe razón da resolución desta primeira convocatoria, que se saldou con 20 axudas concedidas a outros tantos concellos: 7 da provincia da Coruña (Ares, Carballo, Carral, O Pino, Ordes, Paderne e Santa Comba), 7 ourensáns (Barbadás, Coles, Larouco, Laza, Melón, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas), e 6 de Pontevedra (A Lama, Arbo, As Neves, Fornelos de Montes, Mondariz e Salvaterra de Miño).
O importe máximo outorgado foi de 20.000 euros e os municipios beneficiarios terán ata o 30 de xuño do vindeiro ano para completar a execución dos seus proxectos. Entre as intervencións seleccionadas cómpre subliñar as orientadas a atenuar os efectos das chamadas illas de calor (é dicir, áreas urbanas nas que se detecta unha temperatura máis elevada que nas zonas rurais circundantes), a previr riscos medioambientais asociados ao quecemento global, a integrar o cambio climático na planificación do urbanismo, a incrementar a biodiversidade ou a mellorar as infraestruturas verdes.
Publicidade
A modo de exemplo, unha das propostas subvencionadas que acadou a maior puntuación foi a do Concello do Pino e consistirá na creación dun espazo de lecer ecolóxico no núcleo de Arca, en pleno Camiño Francés, reconvertendo unha parcela municipal en desuso nunha nova zona onde tanto a veciñanza como os visitantes atopen acubillo, tranquilidade e proximidade aos principais servizos que ofrece o municipio.
Así mesmo, pola súa singularidade cómpre citar tamén o proxecto da Lama para habilitar novas zonas verdes con árbores autóctonas, caixas niño para paxaros e hoteis de insectos, o que, por unha banda, mellorará a absorción de CO2 e, por outra, contribuirá ao coidado da biodiversidade e á mellora dos hábitats urbanos recuperando especies de aves afectadas pola presión urbanística; ou a iniciativa de Salvaterra de Miño para habilitar un espazo de ocio acuático que atenúe o efecto illa de calor no centro urbano mediante a instalación dunha fonte seca, transitable pola parte superior e cun vaso oculto ao que retorna a auga grazas a un sistema de drenaxe.
Rexión líder e exemplo de boas prácticas Iniciativas como o Pacto das alcaldías ou a Alianza galega polo clima, impulsada hai case ano e medio para fomentar a colaboración público-privada neste eido, están a converter a Galicia nunha rexión líder e referente en materia de acción climática e, polo tanto, atractiva para captar os chamados investimentos verdes. Ademais, o papel da Comunidade galega como refuxio climático tamén se ve reforzado a través do apoio ás entidades locais, pola súa proximidade e relación directa cos cidadáns, no impulso de proxectos que fagan das vilas e municipios galegos lugares máis resilientes ante o quecemento global. Cómpre lembrar que nos últimos anos a Xunta convocou outras dúas ordes de axudas dirixidas a colaborar cos concellos adheridos ao Pacto na redacción dos seus Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACEs), cun investimento global de case 1,3 millóns de euros e un balance de 264 municipios galegos beneficiados.
Publicidade
Neste sentido, as axudas convocadas este ano para apoiar a entidades locais xa comprometidas co Pacto das alcaldías no financiamento de actuacións fronte ao cambio climático supón un paso máis para seguir avanzando na concreción das medidas e accións plasmadas nos seus propios plans de actuación. De feito, este apoio económico así como o asesoramento brindados pola Xunta aos concellos desde 2017, ano en que asumiu o papel de coordinadora en Galicia do Pacto das alcaldías, foron valorados como un exemplo de éxito e boas prácticas pola Comisión Europea que, precisamente, o mes pasado convidouna a participar na Semana das rexións en Bruxelas para compartir a súa experiencia como responsable da Oficina do Pacto en Galicia e principal apoio das administracións locais ante o cambio climático
Comments