top of page

A Xunta concede case 145.000 euros a Dozón para mellorar o polígono industrial

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Están destinados á construción de beirarrúas e a instalación de sistemas de vixilancia


Laura Moure/Dozón

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de conceder senllas axudas, por importe de 145.000 euros, ao Concello de Dozón para unha nova mellora no polígono industrial ao abeiro da orde de mellora e habilitación de infraestruturas dos parques empresariais correspondente ao presente ano 2021. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da aprobación destas partidas, que se destinarán principalmente á construción de beirarrúas nos viais de acceso e á instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, nunha visita realizada ao complexo industrial na compaña do alcalde de Dozón, Adolfo Campos.

Campos e López ante o Viveiro de Empresas de Dozón.


En total, a Xunta de Galicia vai financiar o 80% dos 181.000 euros deste dobre investimento, xa que se destinarán case 150.000 euros para a construción das novas beirarrúas co obxectivo de “favorecer a seguridade peonil e mellorar a confortabilidade e a imaxe deste polígono” e algo máis de 31.000 euros para a implantación da rede de seguridade. “Este parque empresarial é fundamental e imprescindible na socioeconomía do municipio de Dozón, xa que acolle a moitos traballadores e importantes empresas, algunhas delas con moito peso específico na comunidade galega e nos seus sectores, polo que dende a Xunta queremos colaborar para seguir coa modernización deste importante punto industrial e para que estea nas mellores condicións”, explicou Luis López, que detallou que esta dobre actuación será unha realidade en pouco tempo, xa que estará rematada o vindeiro mes de outubro.


Viveiro de empresas

Ademais, esta nova actuación dará continuidade á aposta do Goberno galego polo polígono castrense despois de que o pasado ano se concederan 240.000 euros para a construción dun inmoble, cunha superficie de 460 m2 e dous espazos, destinado a acoller un viveiro de empresas que impulse o emprendemento. “Nun tempo récord executouse, grazas aos fondos da Xunta, o viveiro de empresas, que agora ten aberto o prazo de solicitude de espazos ata o 7 de xuño, e no que temos postas moitas esperanzas para seguir fortalecendo e reactivando a economía na comarca do Deza”, detallou Luis López.


Finalmente, o delegado territorial destacou o “gran compromiso do Concello de Dozón coa

xeración de riqueza e emprego e co asentamento e crecemento empresarial” e exemplificouno na súa integración na iniciativa autonómica de Concellos Emprendedores para ofrecer unha baixa fiscalidade, a concesión de licenzas industriais en prazos abreviados e outras vantaxes aos proxectos empresariais. Ademais, os Concellos

Emprendedores obtiveron unha maior puntuación nesta convocatoria de axudas para a

mellora e habilitación de infraestruturas na rede de parques empresariais de Galicia.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page