top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta concede autorización ambiental ao proxecto de mellora da empresa Dayrilac en Melide

A Declaración de Impacto Ambiental emitida por Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que é viable e non terá impacto na contorna sempre que se cumpran os condicionantes recollidos no propio documento


Laura Moure/Melide

A Xunta de Galicia acaba de resolver o procedemento de avaliación ambiental do proxecto da empresa Dayrilac SL para incrementar a actual produción da súa planta de elaboración de produtos lácteos no parque empresarial da Madanela, no concello de Melide. O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores o anuncio informando de que a resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) correspondente está xa colgada e dispoñible para a súa descarga e consulta na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Así, unha vez finalizada a análise técnica de todo o expediente e os posibles impactos derivados, a Xunta conclúe que o proxecto é viable medioambientalmente sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, os condicionantes sinalados na propia DIA.


Publicidade

Con esta resolución, dáse o primeiro paso para que a instalación láctea obteña os permisos ambientais necesarios para levar adiante o proxecto, dado que o incremento de produción fai que teña que ser sometido a unha autorización ambiental integrada, figura de intervención administrativa que establece o condicionado medioambiental para a realización desta actividade.


Publicidade

Tal e como figura na memoria técnica, o incremento de entradas de leite dos últimos anos fai prever que a empresa poida alcanzar un limiar de produción de 150 toneladas de produtos acabados e recibir máis de 200 toneladas de leite diarias. Por este motivo, en marzo de 2023 o promotor solicitou sometelo ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria e de autorización ambiental integrada.


Como consecuencia deste incremento da produción na factoría láctea de Melide, prevense realizar melloras e obras na estación depuradora de augas residuais localizada na propia planta co obxectivo de cumprir cos parámetros de vertido da ordenanza municipal vixente para o polígono da Madanela, onde se localiza a factoría.


Publicidade

O proxecto, en todo caso, non requirirá nin da construción de novas instalacións nin da realización de obras de ampliación xa que a actual fábrica dispón da capacidade necesaria e suficiente para absorber os posibles aumentos da fabricación previstos a curto e medio prazo.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page