Agolada, Dozón, Lalín, Silleda e Rodeiro reciben en total 33.600 euros para sufragar o traballo de 10 socorristas
Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural para apoiar nos concellos galegos a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos municipais, principalmente os destinados ás medidas de prevención de lumes forestais.
Deste xeito, na comarcas de Deza beneficiaranse os seis municipios, que recibirán unha achega global duns 183.000 euros para a contratación de 13 persoas desempregadas.
No que se refire á distribución das axudas na comarcas de Deza, Lalín recibirá 42.250 euros para a contratación de tres persoas; Agolada disporá de 41.250 euros para a incorporación tamén de tres traballadores; Vila de Cruces, Dozón e Silleda terán 27.500 euros, respectivamente, para incorporar a dous desempregados e Rodeiro contará con 17.294 euros para unha contratación.
As persoas contratadas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención
de lumes nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os
incendios forestais de Galicia. Na baremación da orde de axudas deuse preferencia aos concellos fusionados e emprendedores. O obxectivo desta iniciativa, ademais de contribuír ás accións municipais de loita contra os lumes forestais na época de alto risco, incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural de Galicia dando un impulso ao traballo nas zonas menos poboadas da Comunidade Autónoma e favorecer a creación de emprego de calidade mediante a contratación de persoas desempregadas. Por elo, os contratos terán unha duración de nove meses e serán a tempo completo.
Por outra banda, a Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de axudas destinadas aos concellos galegos para apoiar a contratación de servizos de interese xeral e social que sexan de competencia municipal. Ao abeiro desta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade vai outorgar algo máis de 33.000 euros para a contratación dunha decena socorristas en cinco concellos de Deza. Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegouse a primeira hora desta mañá ata a Praia da Cabeceira, no Concello de Poio, para informar desta resolución de achegas para toda a provincia xunto ao alcalde, Luciano Sobral.
Visita de López a esta mañá a Poio.
"Trátase dun apoio fundamental para os concellos que, en moitos casos, terían dificultades para financiar este servizo se non fora pola colaboración da Xunta de Galicia malia que se trata dunha competencia municipal. En todo caso, cremos que é unha cuestión importante, tanto por seguridade como polas necesarias condicións destes espazos turísticos e por suposto nos poñemos, coma sempre, ao lado dos municipios", manifestou o representante autonómico.
Na comarca de Deza a distribución destas achegas para o financiamento do persoal no servizo de socorrismo estival é a seguinte:
Agolada recibe 10.200 euros para contratar a tres traballadores
Silleda, 7.490, para dous traballadores.
Rodeiro, tamén para dous empregados, benefíciase de 6.544 euros.
A Lalín concédenlle 6.000 euros para dous traballadores.
E Dozón recibe 3.400 euros para un emprego.
Todas estas contías se inclúen na modalidade piscina agás Agolada que é na de praia fluvial.
Comments