A Xunta concede 6,3 M€ en préstamos sen xuros a 15 concellos, entre eles Palas de Rei
- Laura Moure
- 15 dic 2023
- 2 Min. de lectura
Irán destinados a financiar actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles municipais
Laura Moure/Palas de Rei
A Xunta de Galicia concede 6,3 millóns de euros en préstamos sen xuros a 15 concellos, entre eles Palas de Rei, para financiar actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles municipais, segundo explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de sinatura dos convenios de colaboración cos municipios beneficiarios.

A vicepresidenta segunda subliñou que este programa de financiamento ten por obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio.
Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez explicou que estes préstamos, que se conceden ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, deberán ser reintegrados polos municipios nun prazo de 8 anos.
Publicidade
Ademais, cómpre salientar que este fondo se financia con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.
Publicidade
Nesa liña, a representante autonómica puxo en valor que nas 7 convocatorias desta iniciativa, a Xunta leva concedidos 24 millóns de euros para impulsar 102 actuacións de rehabilitación ou conservación en concellos de toda Galicia, que permitiron preservar o patrimonio xa construído e, ao mesmo tempo, dotar de novas prestacións á veciñanza para mellorar a súa calidade de vida.
“Desde a Xunta creemos firmemente na rehabilitación e na recuperación do xa construído porque é fundamental para as nosas vilas e para a imaxe de Galicia, pero, sobre todo, para a veciñanza porque vai vivir en contornas máis amables e tamén con mellores servizos”, aseverou Ángeles Vázquez.
Publicidade
Este ano, serán 24 as actuacións municipais que se executarán ao abeiro deste programa, grazas aos convenios de colaboración asinados entre a Xunta e os 15 concellos beneficiarios -Ares, Barbadás, Begonte, Curtis, Fornelos de Montes, Gondomar, Lousame, Marín, Mesía, Moaña, Palas de Rei, Porto do Son, Verín, Vilagarcía de Arousa e Xermade-.
A maiores, os concellos tamén financiarán iniciativas para a humanización de rúas e núcleos municipais, o acondicionamento de edificios municipais, a dotación e mellora de instalacións deportivas, ou a rehabilitación e posta en valor de inmobles de especial valor histórico.
Entre as actuacións municipais que se executarán ao abeiro deste programa en Palas de Rei, figuran melloras de humanización de núcleos e rúas en: Carballal de Gestral, San Mamede de Coence, no núcleo de Saa, así como, diferentes rúas do casco urbano como a do Agro do Rolo, entre outras.
Comments