Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de conceder financiamento para a contratación de 55 traballadores por parte de 35 concellos pertencentes á área territorial de Pontevedra ao abeiro do programa Aprol Rural, cuxas achegas para estes municipios veñen de notificarse na xornada de hoxe e roldan os 800.000 euros. No caso da comarca de Deza, aprobou contratacións.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da resolución desta orde de axudas para a área territorial nunha visita realizada esta mañá ao Concello de Cerdedo-Cotobade, que vai ser un dos máis beneficiados. As subvencións para estas contratacións permitirán que estes 35 municipios beneficiarios, entre estes os seis dezás,
dispoñan deste persoal de reforzo por un período de nove meses para a realización de traballos orientados principalmente á prevención de lumes forestais, co desenvolvemento de tarefas como a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa.
“Seguimos a colaborar incansablemente cos concellos cunha liña de axudas que leva
implantada, con éxito, dende hai varios anos e que ten a dobre funcionalidade de fomentar o emprego no medio rural, xa que os traballadores collerán experiencia e práctica profesional para mellorar as súas posibilidades de inserción, e por outra banda axudamos ás administracións locais nas súas competencias e no reforzo dos servizos públicos nun tema da máxima sensibilidade como é a loita contra os lumes forestais”, explicou o
representante autonómico.
Na comarca de Pontevedra, outorgáronse os citados 44.000 euros para tres traballadores en Cerdedo-Cotobade, case 32.000 euros para dous empregados en Campo Lameiro, 28.000 euros para outros dous no Concello da Lama, 16.500 euros para un en Ponte Caldelas e 13.970 euros, respectivamente, para un nos municipios de Vilaboa e Marín As bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes van ser as maiores beneficiarias da provincia, xa que sete dos seus municipios disporán de 199.689 euros de axudas para contratar a 14 persoas. Por territorios, Lalín poderá incorporar a tres empregados con máis de 42.000 euros, Agolada a outros tres cunha contía similar, mentres que Silleda, Vila de Cruces e Dozón contarán con 27.940 euros cada un para contratar, en cada caso, a dous operarios, Rodeiro ingresará 17.500 euros para un traballador e Forcarei percibirá case 14.000 euros para outro.
Na comarca de Caldas, o municipio de Moraña poderá contratar a tres persoas grazas a unha achega de case 42.000 euros, o Concello de Valga percibirá 27.940 euros para financiar o soldo de dous empregados, Cuntis e Caldas contarán con case 17.000 para unha contratación e Catoira, Portas e Pontecesures tamén disporán dun empregado grazas a unha subvención de 13.970 euros.
No Salnés, os termos de Sanxenxo e Ribadumia recibirán unha partida de case 28.000 euros cada un para incorporar a dous empregados, o Concello de Meaño tamén poderá
realizar dúas contratacións cunha subvención de máis de 30.000 euros e Meis e O Grove engadirán un traballador con subvencións de case 14.000 euros.
Xa no sur da provincia, no Condado e A Paradanta beneficiarase de dous traballadores o Concello da Cañiza (27.940 euros) e dun os de Mondariz, Covelo, As Neves e Mondariz- Balneario, todos eles con achegas de case 14.000 euros. Finalmente, no Baixo Miño
financiarase a contratación de dous empregados na Guarda (30.470 euros) e dun en Oia, Tui, Tomiño e O Rosal con subvencións que oscilan entre os 14.000 e os 16.500 euros.
Comments