top of page

A Xunta comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria de Oleiros, en Silleda

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Actualizado: 27 may 2021

O DOG deste xoves publica a modificación do acordo da concentración da zona de Vilatuxe, en Lalín


Laura Moure/Silleda/ACTUALIZACIÓN

O Diario Oficial de Galicia publica este mércores o anuncio da Consellería do Medio Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, polo que se comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria da zona de Oleiros, no concello de Silleda. Deste xeito, ponse en coñecemento dos interesados este paso que implica que xa están rematados os trámites relativos á identificación dos propietarios, á determinación exacta da superficie e á clasificación das terras.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, dentro do prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal ou da publicación substitutiva.


Este paso pode darse xa grazas á Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga) que reduce os trámites das reestruturacións parcelarias, neste caso, o das bases provisionais, pasando directamente á aprobación de bases. Este proceso de reorganización territorial afecta a 256 hectáreas que están distribuídas en 1.705 parcelas, propiedade de 192 veciños. Grazas a esta reestruturación do territorio, tratarase de diminuír o número de leiras por propietario para que estas teñan unha dimensión maior.

Cómpre engadir que nestes momentos está finalizada a redacción do proxecto de camiños principais da zona cun orzamento previsto próximo aos 1,5 millóns de euros, nos que se proxecta a execución de 11,4 quilómetros de camiños dos que 3,9 km son de nova apertura e 7,5 km de acondicionamento e mellora de camiños existentes.



E por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se dá publicidade á Resolución que modifica o Acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe, no concello de Lalín. A modificación prodúcese ante a necesidade contemplada na normativa reguladora da concentración parcelaria de dispoñer de determinadas superficies para equipamentos colectivos ou outros fins de interese xeral. En concreto, o Concello de Lalín solicitou a titularidade de seis parcelas de masa común resultantes do proceso de reestruturación parcelaria da zona de Vilatuxe para fins didácticos e culturais, áreas de descanso e lecer, equipamentos dos veciños e para establecer distintas infraestruturas de augas (unha depuradora na parroquia de Vilatuxe e depósitos na zona dos Carballiños e no lugar de Barciela).

Unha vez tramitada esta solicitude, a Consellería do Medio Rural resolveu modificar o acordo da zona coa adxudicación destes predios ao Concello de Lalín para os fins solicitados. A cesión xa foi notificada ao consistorio e publícase hoxe no DOG para coñecemento de todos os interesados.

Cabe lembrar que neste proceso de reestruturación parcelaria reorganizáronse un total de 4.445 parcelas de 524 propietarios en 1.231 predios, nun proceso que supuxo o investimento de case catro millóns de euros por parte da Xunta. Pódese consultar o anuncio no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210527/AnuncioG0426-100521-0005_gl.html


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page