Prevese que estea situado no antigo centro de saúde
Laura Moure/Monterroso
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo unha reunión no Parlamento de Galicia co tenente de alcalde do Concello de Monterroso, Eloy Pérez Sindín, na que lle transmitiu o compromiso da Xunta coa creación dun novo museo neste concello lucense. Así, avanzouse un investimento de 200.000 euros que se concretará mañá no Consello da Xunta coa aprobación dun convenio de colaboración, mediante o que o Goberno autonómico impulsará a creación deste novo centro de interpretación que permita coñecer e divulgar como era a actividade comercial na Galicia do Antigo Réxime.
Rodríguez e Pérez durante a reunión.
En virtude desta colaboración, a Xunta facilitará que o Concello de Monterroso conte cun lugar para a exposición e posta en valor das pezas doadas polo crego Carlos Méndez e crear igualmente un Centro de Interpretación da Feira de Monterroso. Durante máis de 50 anos, o párroco dedicouse a buscar, recoller e catalogar centos de pezas, algunhas encontradas por el mesmo, outras froito de doazóns e outras compradas e creou un museo persoal para que non ser perderan estas pezas.
O novo museo albergará restos históricos de diferentes épocas e de moi diferentes temáticas como culinaria, espiritual, festiva, artística ou documental, entre outras. O novo proxecto estará pensado para todos os públicos, incluídos os investigadores que poderán estudar pezas singulares de distintas épocas, así como visitantes e peregrinos do Camiño Francés, coa intención de dinamizar a súa experiencia.
Prevese que o novo museo estea situado no antigo centro de saúde, que dispón de tres plantas que permitirían unha exposición permanente, mostras temáticas, almacén, obradoiro de restauración e intervención das pezas que o necesiten ou un arquivo documental.
Comments