Estes inmobles pasarán a ser cualificados como de promoción pública e serán destinados a alugueiro social a prezos accesibles
Laura Moure/Deza/Monterroso
A Xunta reforza o parque público residencial destinado a alugueiro coa compra de 55 vivendas a Abanca nunha trintena de concellos por 3,9 millóns de euros. Nas comarcas figuran os municipios de Lalín, Silleda e Monterroso.
Logo de asinar as escrituras de compravenda coa entidade bancaria, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, sinalou que todas estas vivendas pasarán a ser cualificadas como de promoción pública e serán destinadas a alugueiro social a prezos accesibles.
Segundo precisou Heriberto García, o IGVS xa xestionaba na actualidade estes 55 inmobles en virtude dun convenio de colaboración subscrito coa entidade financeira no ano 2019 para garantir que persoas e familias afectadas por execucións hipotecarias puidesen manter as súas vivendas habituais, e que colectivos desfavorecidos ou en situación de exclusión social tivesen acceso a un contrato de alugueiro social a prezos reducidos.
Por iso, unha vez propiedade da Xunta, os inquilinos que ocupan actualmente estes inmobles e que na súa maior parte se corresponden con persoas en situación de vulnerabilidade, poderán seguir vivindo nelas nas mesmas condicións que ata o de agora, incluído o importe que pagan en concepto de alugueiro, que oscila entre os 41 euros e os 125 euros mensuais (unha media de 79 euros).
De feito, o director xeral do IGVS incidiu en que un dos obxectivos de promover desta operación é facilitar a permanencia nos seus fogares de persoas vulnerables ou que se visen afectadas por un desafiuzamento ou unha execución hipotecaria no seu día e que, por conseguinte, necesitan un alugueiro social.
Así mesmo, a Xunta tamén avanza no seu obxectivo de incrementar o actual parque público residencial baixo a súa titularidade, reforzando a oferta naqueles municipios onde segue existindo demanda de vivendas protexidas en réxime de alugueiro.
A continuación detállanse os municipios e as vivendas propiedade de Abanca que vén de adquirir o IGVS.
No caso das comarcas en Lalín e Monterroso mercou unha vivenda respectivamente e en Silleda, dúas. O resto de municipios de Galicia poden consultarse no seguinte enlace:
Comentarios