top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta comeza as obras de mellora do saneamento do núcleo urbano de Lalín por máis de 6,7 M€

O inicio destes traballos céntrase estes días na instalación das casetas de obra e continuará a vindeira semana xa coa disposición de tubaxe


Laura Moure/Lalín

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, acaba de comezar as obras de mellora do saneamento do núcleo urbano de Lalín, que suporán un investimento autonómico de máis de 6,7 M€. 

Unha vez asinada a acta de replanteo a semana pasada, a Xunta vén de iniciar estes traballos, que se centran estes días na instalación das casetas de obra e que continuarán a vindeira semana xa coa disposición de tubaxe para avanzar na intervención.  

O obxectivo desta actuación é aumentar a capacidade dos colectores das marxes do río Pontiñas e executar un tanque de tormentas que mellore o funcionamento en tempo de chuvias e evitar vertidos. 


Os traballos consisten na construción de catro treitos principais de colectores: dous nas marxes do río; outro que recollerá as augas residuais da zona sur cara ao tanque de tormentas; e un que trasladará as augas da rede de saneamento de Donramiro. O proxecto tamén inclúe a execución dun tanque de tormentas, cun sistema de desodorización innovador, que se baleirará por gravidade e limitará o caudal de entrada na depuradora.

Ademais levaranse a cabo accións de integración paisaxística na contorna do tanque de tormentas, coa plantación de árbores autóctonas e un parque infantil, con elementos de xogo que lembrarán o prato do cocido, un símbolo deste concello.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page