A actuación ten un custo total de 237.200 euros
Laura Moure/O Pino
O Consello da Xunta deulle este luns o visto bo ao convenio entre o Goberno galego e Concello do Pino para a mellora da accesibilidade no entorno da capela da Magdalena co obxectivo de que sexa un espazo máis seguro. A actuación ten un custo total de 237.200 euros, dos que a Administración autonómica achegará máis de 213.500 euros, o que supón o 90 % do total do investimento.
Os traballos previstos inclúen a pavimentación dunha superficie de máis de 1.700 metros cadrados: 535 metros cadrados na zona en contacto coa capela, 615 metros cadrados de acceso á capela e 555 metros cadrados das sendas. Ademais, actuarase na canalización das pluviais e do alumeado, colocaranse 490 metros de pasarela de madeira e mesas e bancos de pedra. Tamén se acondicionará a superficie afectada con terra vexetal e plantarase céspede.
A área recreativa da Magdalena atópase na parroquia de Castrofeito, na contorna da capela da Magdalena, e conta cunha masa de carballos e mesas e bancos. Un dos recursos principais e motor de desenvolvemento económico deste concello é o paso do Camiño Francés ao longo de 18 quilómetros, rexistrándose cada ano milleiros de peregrinos que realizan este percorrido.
Publicidade
A Xunta contribúe así á posta en valor deste espazo que, ao mesmo tempo, incrementa o atractivo do concello como reclamo turístico permitindo desfrutar da súa riqueza monumental, cultural e paisaxística en calquera época do ano. Do mesmo xeito, garántese que os concellos poidan prestar servizos de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia.
Comments