top of page

A Xunta colabora na mellora das instalacións deportivas de Boimorto cunha achega de 120.000 €

7 oct 2025
2 min de lectura

O Consello da Xunta aproba o convenio de colaboración, a través do que o Goberno galego achegará máis do 80 % do investimento total, estimado en 140.000 euros


Laura Moure/Boimorto

O Consello da Xunta autorizou este luns a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Boimorto para a mellora das instalacións deportivas municipais cunha achega de 120.000 euros, 45.000 euros en 2025 e 75.000 euros en 2026.

Concretamente, actuarase no ximnasio con reformas que representan un custo estimado de 140.000 euros, dos que o Concello abonará 20.000 euros, un 50 % neste exercicio e outro 50 % no que vén. Así, substituiranse as carpintarías na planta baixa da fachada principal por outras con rotura de ponte térmica, actualizaranse todas as instalacións e renovaranse os revestimentos interiores, o falso teito e o pavimento deportivo, ademais do equipamento interior con diferentes máquinas. A maiores, crearanse novos vestiarios por xénero e accesibles.


A medida enmárcase no compromiso da Xunta coas entidades locais e na aposta polo fomento dunha vida activa e saudable entre a poboación. De feito, o ximnasio municipal é un servizo básico de apoio ao benestar, ao facilitar o acceso á práctica regular da actividade física. Segundo o convenio, a mellora das instalacións permitirá ofrecer programas adaptados a diferentes colectivos, garantindo a accesibilidade universal e a igualdade de oportunidades.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ademais, o ximnasio constitúe un axente social dinámico, ao ser un espazo de convivencia interxeracional e intercultural, así como un espazo educativo no que a poboación adquire hábitos de vida saudables e valores asociados ao esforzo, á disciplina, á cooperación e ao respecto. A Xunta está a impulsar a mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal, tanto a través de convenios de colaboracións como das liñas específicas de apoio ás entidades locais, co que se busca facilitar a prestación de servizos municipais de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page