A Xunta colabora con Lalín na construción do edificio polivalente de Carragoso, cunha achega de 260.000€
- Laura Moure
- 9 feb
- 2 Min. de lectura
Allegue puxo en valor esta cooperación para acadar este novo equipamento polivalente e sostible, que se espera que poida estar a disposición da veciñanza o vindeiro ano
Laura Moure/Lalín
A Xunta colabora co Concello de Lalín na construción do futuro Edificio Polivalente de Carragoso. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, e a directora xeral de Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, destacou onte esta cooperación coa entidade local na presentación do proxecto.

A actuación, que contará cun orzamento global de 820.000€, enmárcase nun convenio de colaboración da Xunta co Concello. A Addministración autonómica, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, contribúe a esta intervención cun investimento de preto de 260.000 euros. No impulso deste proxecto engádese a achega da Deputación de Pontevedra, que completa o financiamento da intervención proxectada.
O Concello contratará as obras e tamén as executará, e se prevé que a finais deste ano ou comezos do próximo estas instalacións xa poidan estar ao servizo dos veciños.
Publicidade
Allegue puxo en valor a “suma de esforzos” entre administracións para acadar este novo equipamento “polivalente, humanizado e sostible, que promoverá o desenvolvemento social e cultural desta zona de Lalín”. Engadiu que o centro está destinado a “converterse nun punto de encontro dos veciños desta contorna para compartir, aprender, informarse ou divertirse e seguir fortalecendo aínda máis a unión veciñal”.
A conselleira fixo fincapé ademais na aposta que a Xunta vén facendo por este municipio pontevedrés, onde hai uns meses entraba en funcionamento o novo centro integral de saúde, cun investimento autonómico de 13,5M€.
No eido da vivenda, Allegue subliñou que a Xunta ten consensuado co Concello a cesión dunha parcela para a construción de vivendas de promoción pública. “Agardamos que axiña poidamos dar máis pasos para dotar a Lalín de máis vivenda pública”. “Nesta liña de colaboración seguiremos traballando -concluíu a conselleira- sempre da man do Concello e co obxectivo compartido de mellorar o benestar da veciñanza”.
Edificio Polivalente
O futuro Edificio Polivalente de Carragoso constará dunha ampla sala de usos múltiples dotada con todo o necesario para celebrar cursos, actuacións ou calquera encontro. Esta sala tamén estará aberta a un escenario elevado. A distribución do inmoble complétase coas áreas de vestíbulo, unha cociña, aseos e almacén.
Na construción adoptaranse solucións con materiais modulares para reducir os residuos; utilizaranse enerxías renovables, como paneis fotovoltaicos; e un sistema de ventilación que permite a mellora da eficiencia enerxética. A intervención tamén incluirá o acondicionamento da parcela municipal, con beirarrúas rodeando a edificación, con acceso rodado e aparcamento.
Comments