A Xunta colabora co Concello do Pino para a humanización das rúas Forcarei e dos Mollaos
- Laura Moure

- 29 jul 2025
- 2 Min. de lectura
A actuación terá un custe de 605.000 euros
Laura Moure/O Pino
O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura do convenio de colaboración co Concello do Pino para a humanización da rúa Forcarei e a rúa dos Mollaos, na que se investirá algo máis de 605.000 euros. A través desta colaboración, trátase de acondicionar estas dúas rúas situadas no núcleo urbano do Pedrouzo, mellorando os accesos e os servizos e dotacións municipais, nesta entorna de paso do Camiño de Santiago.

En concreto, a rúa dos Mollaos presenta un elevado tránsito de peregrinos, xa que en ela atópanse 3 aloxamentos que dan servizo a estes. En relación ás obrigas dispostas nesta colaboración, a Xunta, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, asumirá o 70 % do orzamento, case 424.000 euros, e contratará e executará as obras.
Publicidade
Pola súa banda, o Concello do Pino achegará o 30 % restante do custe das obras, preto de 182.000 euros; así como a redacción do proxecto, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, e asumir a explotación, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo. O convenio autorizado hoxe polo Executivo autonómico, que permitirá acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións, producirá efectos a partir da data da súa sinatura e estará vixente ata o 31 de decembro de 2026.
A execución destas obras enmárcase nas medidas e liñas de colaboración do Plan Hurbe, coas que a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas se contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.
Publicidade
A colaboración entre este departamento e o Concello do Pino, enmárcase na continuada colaboración entre o Goberno galego e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións en materia de urbanismo.








Comentarios