top of page

A Xunta axudará a Cruces e a Dozón para redactar os seus plans de acción fronte ao cambio climático

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Un total de 16 concellos pontevedreses recibirán preto de 100.000 euros en axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para este fin


Laura Moure/Deza

Un total de 16 concellos pontevedreses recibirán preto de 100.000 euros en axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para poder redactar os seus propios Plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico que ten como obxectivo avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local. Entre estes figuran Dozón e Vila de Cruces.


Así o subliñou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que visitou esta mañá o concello de Vila de Cruces acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e do alcalde, Luis Taboada, para dar a coñecer o resultado na provincia da última convocatoria desta liña de subvencións. Tamén estiveron presentes o tenente de alcalde, Julio López, e o exmandatario cruceño Jesús Otero.

López, Taboada, Pérez e Otero en Vila de Cruces.

Precisamente, Vila de Cruces é un dos municipios que resultaron beneficiarios este ano, de xeito que poderá contar cunha achega autonómica de 6.000 euros para traballar no seu Paces. O resto de subvencións concedidas en Pontevedra serán para Gondomar, Moaña, Meis, Dozón, Forcarei, Catoira, Fornelos de Montes, Vilanova de Arousa, A Cañiza, Nigrán, A Lama, Barro, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa e O Porriño.


Este é o segundo ano que a Xunta lanza unha orde de axudas dirixida especificamente ás entidades locais adscritas ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía co fin de axudalas na redacción dos seus respectivos Paces.


En total concedéronse 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe de 337.000 euros, atendéndose así o 100% das solicitudes recibidas. Estes municipios súmanse aos 176 que están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de 250 entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o cambio climático.


Un Paces consiste basicamente na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Grazas a estas axudas da Xunta, os municipios poden afrontar o custo dos traballos de asistencia técnica necesarios para a súa elaboración. Neste sentido, Sagrario Pérez felicitou a todos os concellos que xa asumiron o compromiso de dotarse deste documento técnico, un paso co que, dixo, integran a loita fronte ao cambio climático como unha das variables presentes na definición das súas políticas municipais, tanto á para reducir as emisións e mellorar a súa eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.


Peticións do goberno cruceño

Na reunión Taboada aproveitou para recalcar ao delegado da Xunta en Pontevedra os traballos pendentes que teñen nos accesos nas estradas de Ponte Ledesma ata Piloño, as sendas na recta de Piloño, de Carbia e de Sabrexo, e fixo fincapé na Ponte de Ínsua, que aínda esta sen realizar e é fundamental para a comunicación entre as parroquias, e que son titularidade da Xunta de Galicia. Con esta petición o alcalde lémbralle ao delegado que hai máis de dous anos que solicita o mesmo e non ve avances.


Doutra banda, Julio López solicitoulle que faga de intermediario entre o Concello e o Xefe

Provincial de Educación, César Pérez, para concertar unha cita urxente, xa que levan máis

de seis meses enviando correos e non están a recibir resposta, e segundo Julio López, van

empezar os colexios e non puideron trasladar as súas necesidades, que son moitas. Tamén se volveu a falar das situación das filtracións de auga que ten o Centro de Saúde, que a día de hoxe non se deu solución nin se reparou, tal e como apunta o Concello.


Taboada ao finalizar a reunión, agradeceu a visita e a información que Pérez lle deu con respecto á subvención FEDER, aínda que a cantidade estímase por parte do

alcalde "de simbólica e moi baixa ao ser soamente 6.000 euros". Espera que en breve se incrementen estas cantidades que axuden a mellorar o Medio Ambiente.


A Xunta, oficina en Galicia

O Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía púxose en marcha no ano 2008 e na actualidade está considerado o maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxías fronte ao cambio climático entre as distintas administracións, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa cos cidadáns. No caso de Galicia, a Xunta asumiu en 2017 o papel de coordinadora do movemento na Comunidade desde a convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse tamén desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensa global, actúa local”.


Na actualidade xa son 271 os concellos adheridos ao Pacto, o que representa a unha poboación de preto de 2,2 millóns de galegos, cifras que tanto a directora xeral como o delegado coincidiron en interpretar como unha mostra da boa acollida que está a ter este movemento en Galicia, sobre todo desde a creación da Oficina técnica de coordinación e asesoramento aos municipios no ano 2018. En todo caso, lembrou que aínda queda marxe de mellora e convidou a sumarse a este reto aos 42 concellos que faltan, “para defender entre todos o papel de Galicia como parte da solución ao cambio climático”.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page