O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na Noite Branca deste concello
Laura Moure/Lalín
A Xunta de Galicia trasladará nos vindeiros días ao Concello de Lalín o estudo de alternativas na nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da localidade, que inclúe unha proposta de localización para a nova instalación, tal e como lle avanzou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Xosé Crespo, na reunión que mantiveron onte.
Segundo lle comunicou a conselleira ao rexedor, logo da análise realizada a diversas alternativas de localización, Augas de Galicia xa seleccionou a opción definitiva e, se o Concello lle dá o visto bo, comezarán os estudios de xeotecnia e topografía así como os trámites ambientais para finalizar a redacción do proxecto da nova EDAR.
Este proxecto vén complementar o tanque de tormentas de Pontiñas -con 5.000 m3 de capacidade- e os novos colectores interceptores, cuxas obras está previsto que conclúan a finais deste verán, e que, permitirán aumentar a capacidade de almacenamento na rede ante episodios de choiva e evitar que se alivien ao río augas pluviais mesturadas con residuais.
A maiores, durante o encontro Vázquez Mejuto e Crespo avaliaron o estado do proxecto de captación de auga no río Deza para mellorar o sistema de abastecemento da localidade, cuxo proxecto construtivo está en fase de supervisión.
Publicidade
Por outra banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou este venres na inauguración da Noite Branca, unha iniciativa promovida pola Asociación de Empresari@s de Deza e o Centro Comercial Aberto de Lalín para dinamizar a actividade comercial e hostaleira desta localidade, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
Segundo apuntou o director xeral, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración mantén un firme compromiso cos centros comerciais abertos, no marco da relevancia do comercio local na xeración de emprego e na dinamización das economías locais como parte fundamental no crecemento económico e social de Galicia.
Publicidade
Así, nesta lexislatura abordaranse aspectos como a innovación do sector retallista e a súa dixitalización. Apostarase pola fidelización da clientela e por axudar ao sector para ofrecer cada vez un produto máis diferenciado, un aspecto clave para garantir a súa viabilidade.
A Administración autonómica está a deseñar, da man do sector, por outra banda, o futuro plan estratéxico para o comercio, coa implicación das principais entidades. Os galegos disporán tamén dun Mapa do Comercio de Galicia, no que xa se está traballando: un espazo que contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada co fin para potenciais clientes.
Comments