top of page

A Xunta avanza que as obras do novo centro de saúde de Lalín estarán finalizadas a comezos de verán

Indicou hoxe que xa están ao 50% de execución e contan cun investimento que supera os 10 millóns de euros


Laura Moure/Lalín

A Xunta avanzou hoxe que as obras do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, ao 50% de execución, estarán finalizadas a comezos de verán cun investimento que supera os 10 millóns de euros. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, supervisaron hoxe a marcha das obras desta infraestrutura sanitaria, que é clave para Lalín e para toda a comarca de Deza. No percorrido pola obra estiveron tamén o alcalde de Lalín, José Crespo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e O Barbanza, Eloína Núñez.

A conselleira sinalou que o CIS de Lalín, ao igual que outras obras, especialmente de edificación, pasou por momentos complicados derivados da tensión da crise de subministros e do incremento de prezos. Con todo, lembrou, a coa colaboración e entendemento da empresa adxudicataria, superáronse os atrancos en días e retomáronse os traballos en cuestión de semanas.

Ethel Vázquez, destacou que, logo da visita anterior, feita hai case un ano, pode constatarse, o avance “espectacular” das obras, que permiten ver a transformación da parcela coa edificación completa xa en pé e cos traballos nas fachadas moi adiantados, ademais de no seu interior.

30 operarios

Precisou que agora mesmo están traballando en obra arredor de 30 operarios, o que permite avanzar con ritmo. A Xunta está a axilizar todo o posible a posta á disposición dos veciños de Lalín e da comarca de Deza este novo equipamento sanitario de vangarda.

Sobre as obras, a conselleira explicou que, no exterior, están a finalizarse os traballos de colocación da carpintería de muro cortina nos patios; no resto de fachadas, están colocadas as carpinterías de xanelas de aluminio e tamén avanzados os traballos de acristalamento, tanto na zona de patios como das fachadas posteriores. Na cuberta, remataron xa os traballos de impermeabilización.

Concretou que, no interior do edificio, a albanelería está tamén practicamente rematada. Agora mesmo, estase cos alicatados, solados e impermeabilización de zonas húmidas. Os trazados de instalacións están avanzados no que respecta a climatización e ventilación, tamén fontanería e protección contra incendios.

Detallou, ademais, que se está empezando a cablear a instalación eléctrica e de voz e de datos, polo que avanzou que, en poucos días, poderase iniciar xa á colocación de falsos teitos e carpinterías interiores.

A titular de Infraestruturas da Xunta destacou a importancia de que os traballos rolden o 50% de execución, tendo en conta que o arranque dunha obra de edificación é sempre o máis complicado e o que máis tempo leva: movemento de terras, cimentacións ou levantar a estrutura.

A este respecto, incidiu no obxectivo da Xunta de ter rematada o máis axiña posible a obra de edificación do Centro Integral de Saúde de Lalín-comarca de Deza a comezos do verán, cun investimento da Xunta que superará finalmente os 10 millóns de euros.

A actuación está financiada no marco dos fondos europeos REACT-EU..

Deseño funcional

Segundo resaltou a conselleira, o CIS Lalín, que estará distribuído en catro andares a distinta cota, dos cales 3 se destinarán a centro de saúde e outro ao PAC, é un edificio cun deseño funcional, adaptado ás necesidades asistenciais, e disporá de dous patios interiores a modo de claustro onde desembocan as zonas de espera e de circulación.

No seu conxunto o novo centro de saúde disporá de 5.500 m² de superficie construída nesta parcela do Alto de Vales de máis de 15.000 m², a carón da nacional que comunica Lalín co municipio veciño de Dozón e con Ourense, e tamén con Santiago.

O Concello de Lalín encárgase de urbanizar a parcela, na que se disporán tamén os aparcadoiros, para persoal e pacientes, actuacións nas que segundo apuntou a conselleira está a traballar a entidade local.

En definitiva, unha actuación estratéxica na que tal e como destacou Ethel Vázquez, traballan da man Xunta e Concello para que máis de 35.000 veciños de Lalín e da comarca se beneficien desde Centro Integral de Saúde, un dos primeiros que o Goberno galego constrúe en toda Galicia, despois do CIS no Barrio da Residencia de Lugo.

0 comentarios

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page