A Xunta avalía co Concello de Arzúa vías de colaboración para a mellora de infraestruras
- ecosdacomarca

- 26 nov
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, mantivo onte unha reunión co alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril. A xuntanza centrouse en avaliar posibles vías de cooperación entre a Consellería do Medio Rural e o Concello en materia de mellora das infraestruturas rurais do municipio.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, mantivo este martes unha reunión coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Paz Rodríguez, no marco da axenda de contactos institucionais aberta pola Alcaldía o pasado mes de setembro. O obxectivo desta liña de traballo é trasladar ás diferentes administracións públicas as necesidades en materia de infraestruturas do rural de Arzúa.
Carril estivo acompañado polo técnico municipal de Urbanismo, Luis Fole, responsable da planificación e do soporte técnico dos proxectos municipais. No encontro expuxéronse cuestións relacionadas coa mellora da rede viaria, o estado das infraestruturas básicas e outras demandas nas que o Concello leva meses traballando.
Publicidade
Entre os asuntos tratados destacou o proxecto da ponte de Maroxo, cun investimento previsto de arredor de 300.000 euros. O alcalde lembrou a complexidade técnica desta actuación e que, pola súa envergadura económica, non pode ser asumida en solitario polo Concello. Por este motivo, trasladou a necesidade dunha coordinación efectiva entre institucións para garantir o financiamento da obra sen comprometer os orzamentos municipais.
Carril agradeceu a boa disposición mostrada durante a reunión e subliñou que “a colaboración entre institucións é imprescindible para que proxectos desta dimensión poidan avanzar con garantías, especialmente cando requiren unha parte tan significativa dos recursos económicos dos que dispoñemos no Concello”. Ademais, avanzou que este encontro foi o primeiro dunha serie de reunións previstas para seguir trasladando ás administracións competentes as prioridades de Arzúa e favorecer avances nos proxectos que se están a desenvolver desde o Concello.







Comentarios