Ángeles Vázquez subliña que se converte no concello número 114 en contar cun PXOM adaptado á normativa vixente
Laura Moure/Silleda
A Xunta de Galicia aprobou o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Silleda, condicionado ao cumprimento dunha serie de requisitos técnicos, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura da orde de aprobación.
Logo de lembrar que se converte no concello número 114 en contar cun plan urbanístico adaptado á normativa vixente, a conselleira subliñou que este PXOM fixa as previsións que marcarán a evolución deste municipio nos próximos 16 anos e que permitirán que teña “un desenvolvemento urbanístico serio e ordenado”.
A conselleira incidiu no apoio técnico e económico que a Xunta ofreceu ao Concello ao longo dos últimos anos para acadar este obxectivo e lembrou que contou cun financiamento autonómico para o desenvolvemento do plan de preto de 170.000 euros.
A maiores, engadiu que o Concello terá que resolver algunhas cuestións relativas, por exemplo, ao modelo territorial e á calidade residencial, á clasificación de solo ou á normativa. Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez explicou que este planeamento, o segundo co que conta o Concello -ata agora dispoñía dun aprobado hai 41 anos-, prevé preto de 57.000 m2 para espazos libres e zonas verdes e máis de 92.000 m2 para equipamentos municipais, ademais de determinar que o 94,5% do territorio municipal é solo rústico; o 4,22% é solo de núcleo rural; preto do 1% corresponde a solo urbano, e o 0,30% é solo urbanizable.
Entre os obxectivos que establece este novo PXOM figuran a consecución dun desenvolvemento harmónico dos núcleos poboados e a conservación das áreas rurais habitadas. A maiores, preténdese complementar e mellorar a estrutura territorial así como preservar os valores naturais e culturais e conservar e recuperar o patrimonio construído. Ademais de completar as estruturas dos núcleos urbanos de Silleda e A Bandeira, incrementaranse as dotacións, fomentarase o transporte sostible e completarase o sistema viario urbano.
E, por outra banda, o novo planeamento urbanístico prevé potenciar a zona norte do núcleo de Silleda como espazo ligado a usos terciarios e a zona este como área reservada a usos industriais. Para concluír, Ángeles Vázquez reiterou o compromiso da Xunta co impulso dun urbanismo responsable e lembrou que o vindeiro ano “reservamos máis de 3,2 millóns de euros para axudas aos concellos para a redacción dos seus plans urbanísticos”.
Comments