top of page

A Xunta aproba o plan de conservación do monumento natural Fraga de Catasós de Lalín

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Prevé un investimento de 250.000 euros na vindeira década para protexer os seus valores e promover un uso público ordenado


Laura Moure/Lalín

A Xunta aprobou este xoves definitivamente o Plan de conservación do monumento natural Fraga de Catasós, no concello de Lalín, un bosque mixto singular cunha superficie de 4,52 hectáreas e que alberga exemplares de castiñeiro centenarios considerados como os mellores de Europa polo seu porte forestal e factura. Cunha vixencia indefinida, o plan ten como fin protexer esta formación boscosa a través da identificación dos valores que hai que preservar e dos posibles riscos que poidan afectalos, así como dunha serie de normas de aproveitamento do solo e dos recursos naturais e doutras relativas ao uso público e ás actividades científico-educativas que poida acoller.

A Fraga de Catasós. Autor: Ángel Utrera.

No documento fíxanse unha decena de obxectivos para a preservación e xestión sustentable deste espazo e 21 medidas con que garantir a súa consecución, que contarán cun investimento por parte da Xunta de máis de 250.000 euros durante a próxima década. Grazas ás actuacións previstas mellorarase o estado da Fraga de Catasós e garantirase unha xestión máis eficiente dos recursos públicos. Segundo o foco principal de interese, as metas que se perseguen con este plan divídense en catro grupos: obxectivos relacionados coa conservación da formación senlleira, da biodiversidade e da paisaxe, aos cales se reservará a partida máis cuantiosa, 151.500 euros; obxectivos de usos e aproveitamentos, cun investimento de 25.000 euros; obxectivos relacionados co uso público do espazo natural, 52.000 euros, e obxectivos no eido da investigación, educación e participación cidadá, cunha partida prevista de 22.000 euros.


En canto á protección do bosque mixto de carballo e castiñeiro e da súa biodiversidade, prevese, entre outras accións, a creación dun rexistro das árbores senlleiras existentes; a elaboración dun inventario coas principais especies de flora e fauna; a restauración das áreas que perderan a vexetación orixinal, e a monitorización do espazo para a detección temperá de especies alóxenas —sobre todo invasoras— e a súa posterior erradicación.

Con relación ao uso público, avaliaranse as alternativas para facilitar o acceso ao espazo natural e o seu aproveitamento ordenado con medidas como a execución dunha pista peonil e accesible desde o núcleo urbano de Lalín. Ademais, tamén se prevé no plan a actualización da sinalización existente e a creación dun aparcadoiro para vehículos. Así mesmo, para potenciar a actividade científica e divulgativa na Fraga de Catasós, identificaranse proxectos e liñas de investigación de interese, farase un estudo sobre os valores patrimoniais culturais -materiais e inmateriais- na súa contorna, e promoverase a realización de actividades de educación ambiental e de voluntariado.


Exemplares de 30 metros de altura

A Fraga de Catasós, tamén coñecida como Carballeira de Quiroga, está localizada na parroquia lalinense de Santiago de Catasós e foi declarada monumento natural no ano 2000 por albergar un importante bosque mixto con excepcionais exemplares de carballo e castiñeiro, algúns dos cales acadan os 30 metros de altura e os 5 metros de diámetro. Ademais, esta formación boscosa está incluída tamén no Catálogo de árbores senlleiras en recoñecemento á súa singularidade en Galicia pero tamén en Europa, xa que a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) considera que alberga os exemplares de castiñeiro con mellor porte de todo o continente. Tras a declaración da Fraga de Catasós como monumento natural, a existencia de elementos forestais senlleiros catalogados, a accesibilidade e a proximidade ao núcleo de Lalín fixeron que experimentase un uso recreativo e de lecer en crecemento que, grazas ao plan aprobado hoxe, pode constituír un recurso turístico dinamizador para a economía local a través do fomento do seu aproveitamento sustentable.


Tres monumentos e seis parques con plan propio

A Fraga de Catasós é o terceiro monumento natural dos 8 que hai en Galicia en contar cun plan de conservación propio, despois de que no ano 2015 se aprobase o da Praia das Catedrais e en 2020 o do Souto da Retorta. Deste xeito, a Xunta dá un paso máis na súa aposta por dotar os espazos protexidos galegos de instrumentos de xestión específicos que axuden a protexer os valores que os fixeron merecedores dun nivel de protección. Neste sentido, cómpre lembrar o pulo que se lles deu nos últimos anos aos instrumentos de planificación dos 7 parques de Galicia, ata o punto de que 6 deles xa teñen aprobado o seu plan reitor de uso e xestión —Serra da Enciña da Lastra, O Invernadeiro, Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Baixa Limia-Serra do Xurés, e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia— e avánzase co obxectivo de que este mesmo ano saia adiante o das Fragas do Eume. Ademais, a Xunta tamén traballa no plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e xa ten contratados os estudos para a elaboración dos plans correspondentes aos monumentos naturais de Costa de Dexo e Serra de Pena Corneira, coa previsión de poder aprobalos o vindeiro ano

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page