top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta aproba a fase de reestruturación da parcelaria de Val-Bermés-Sello en Lalín

O obxectivo é ampliar en máis do triplo a superficie media dos predios


Laura Moure/Lalín

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, vén de aprobar a fase de acordo de reestruturación da parcelaria de Val-Bermés-Sello, situada no concello de Lalín. Este acordo apróbase no marco da Lei 4/2015 de mellora da estrutura territorial de Galicia, un instrumento que dará maior axilidade ao procedemento que se desenvolverá ata o remate do proceso.

Esta zona de concentración parcelaria abarca unha superficie de 1.893 hectáreas, distribuídas en 5.334 parcelas pertencentes a un total de 788 propietarios que, tras este proceso, rematarán sendo 1.502 leiras. A superficie media de cada unha delas pasará dos 3.549 metros cadrados actuais aos 12.419, polo que se incrementará en algo máis do triplo. Ademais, con esta ordenación pasarase dunha media de 6,77 parcelas a 1,91 predios por propietario.


Publicidade


Oito reestruturacións parcelarias en Lalín

No concello de Lalín, de clara vocación agrogandeira, as parcelarias están mobilizando actualmente máis de 9.700 hectáreas de superficie. Así, xunto á de Val-Bermés-Sello, atópanse as de Santa Baia de Losón; Vilatuxe; Cercio; Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto; Cristimil; Galegos e Goiás-Xaxán-A Veiga


A Xunta segue a traballar para poñer en valor o territorio e, a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as reestruturacións parcelarias, mobilizáronse 35.000 hectáreas en toda a comunidade nos últimos catro anos.


Publicidade

Dende o ano 2020 a Xunta rematou un total de 32 concentracións parcelarias e decretou outras 29. As rematadas abarcaron unha superficie total de máis de 21.753 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.318 propietarios que recibiron case 36.690 títulos de propiedade. O Goberno galego mantén o seu compromiso coas reestruturacións parcelarias, e este ano destina 24 millóns de euros para seguir avanzando nestes procesos, que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor. 



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page