top of page

A Xunta aporta recomendacións sanitarias fronte ao fume e as cinzas dos incendios forestais

Limitar as estadías no exterior, evitar realizar actividade física ao aire libre ou empregar máscaras son algunhas


Laura Moure/Xeral

A Xunta de Galicia, ante a situación de incendios forestais que afecta diversas zonas do territorio, quere trasladar á poboación unha serie de recomendacións sanitarias para minimizar os riscos asociados á inhalación do fume ou á cinza.


O fume xerado nos incendios contén unha mestura de gases e partículas microscópicas (PM2,5 e PM10) que poden causar irritacións nos ollos, nariz, gorxa e pulmóns, ademais de provocar dor de cabeza, dor torácica ou dificultade respiratoria.

O lume forestal en San Martiño de Oleiros (Toques) o venres. Autor: Ecos da Comarca.
O lume forestal en San Martiño de Oleiros (Toques) o venres. Autor: Ecos da Comarca.

Aínda que as recomendacións son válidas para toda a poboación, cómpre prestar especial atención aos grupos máis vulnerables como son os nenos e as nenas, as mulleres embarazadas e as persoas con enfermidades pulmonares, como asma ou EPOC, e enfermidades cardíacas.


As principais recomendacións para a poboación exposta, con independencia doutras existentes sobre a súa seguridade, son as seguintes:

  • Limitar ao máximo as estadías no exterior e evitar realizar actividade física ao aire libre.

 

  • De necesitar saír ao exterior, empregar máscaras filtrantes mínimo FFP2, xa que aínda que non evitan o paso dos gases e das partículas de menor tamaño, si reteñen as partículas máis grandes. Se é posible, empregar gafas para protexer tamén os ollos de irritacións oculares.

 

  • Recoméndase permanecer dentro da casa, manter o aire interior tan limpo como sexa posible e pechar portas e fiestras.

 

  • En caso de dispoñer de aire acondicionado, recoméndase utilizalo, preferentemente con filtros de alta eficiencia que permitan captar as partículas finas do fume. Se o sistema conta cunha entrada de aire fresco, débese colocar en modo de recirculación ou pechar o regulador de toma de aire exterior. Unha boa medida para manter limpo o aire da casa é a utilización dun purificador de aire portátil.

 

  • Non utilizar elementos que poidan incrementar a contaminación do aire en interiores, como candeas, e evitar fumar.

 

  • Ao proceder á limpeza das cinzas é importante extremar as precaucións. Recoméndase o uso de máscara, luvas, roupa de manga longa, pantalóns longos, zapatos e calcetíns para protexer a pel, así como o uso de gafas para protexer os ollos.

 

  • En caso de contacto das cinzas, lavar as zonas expostas da pel, ollos ou na boca o antes posible.

 


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

  • Manterse ao tanto das mensaxes de emerxencias sobre as medidas adicionais de seguridade.


A calidade do aire en Galicia pode consultarse a través da web de MeteoGalicia, onde se informa do índice de calidade do aire (ICA).  Calidade do aire en Galicia - MeteoGalicia

Por outra banda, ante posibles interrupcións no subministro eléctrico, recoméndase seguir en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias respecto á auga de consumo e á seguridade alimentaria.


Máis información na páxina web da Consellería de Sanidade.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page