top of page

A Xunta apoiou a máis de 700 autónomos e pequenas empresas de Lalín con axudas por 1,5 millóns

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou a Zapatería Martínez, beneficiaria do Bono Autónomo, e tamén o CIM da localidade


Laura Moure/Lalín

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou este mércores en Lalín Zapatería Martínez, un negocio beneficiario do Bono Autónomo, que leva traballando medio século, contribuíndo, en palabras da conselleira, a dinamizar o sector do comercio na comarca. “É unha mostra do valor dos negocios familiares e da resiliencia dos autónomos e autónomas galegas”, subliñou. Na visita, Lorenzana destacou que a Xunta conta con numerosos programas para favorecer o emprego autónomo en Galicia con son, entre outros, o Bono Autónomo ou as axudas directas dos plans de rescate coas que se está a aportar liquidez aos autónomos e pequenas empresas máis afectadas pola covid-19.

Ao respecto, Lorenzana sinalou que a Xunta apoiou en Lalín en oito meses a máis de 700 autónomos e microempresas con axudas por valor de máis de 1,5 millóns de euros a través dos dous primeiros plans de rescate, deseñados en tempo récord pola Consellería de Emprego e Igualdade. Lembrou, así mesmo, que os apoios do terceiro Plan, con fondos estatais, aínda se poden pedir, ata o próximo 30 de setembro, despois de que a Administración autonómica ampliara o prazo de solicitude para que as axudas poidan chegar aos que máis as precisan. Neste senso, volveu a insistir na necesidade de que o Estado flexibilice os criterios destas axudas para que os fondos cheguen e se poda seguir aportando liquidez ao tecido empresarial galego.

En canto ao Bono Autónomo, trátase dunha iniciativa coa que a Xunta pretende contribuír á consolidación do emprendemento para manter e aumentar as estruturas de emprego estable e de calidade. As axudas, que se poden pedir ata mañá, contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros para apoiar a modernización e consolidación de preto de 2.000 negocios en Galicia. O Bono Autónomo favorece, por unha banda, a mellora da competitividade dos negocios, apoiando a contratación de servizos especializados para a realización de tarefas de investigación de mercado ou plans de márketing; e, doutro lado, está destinado ao financiamento de investimentos dedicados á mellora e modernización dos negocios como son, entre outros, a adquisición de equipamento ou maquinaria ou a elaboración de páxinas web ou logotipos.

Outras axudas coas que a Administración autonómica quere favorecer o emprego autónomo son as destinadas ao inicio de actividade e á contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador. Este programa conta cun orzamento de 12,2 millóns de euros e os apoios poden pedirse ata o vindeiro 30 de setembro. O obxectivo do Goberno galego é beneficiar a 3.000 autónomos e 90 empresas. Sobre esta medida, Lorenzana destacou que aposta polos principios de inclusión e non discriminación dos colectivos máis vulnerables, xa que o importe das axudas duplícase ata os 4.000 euros para os menores de 30 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, entre outros. Ademais, a contía increméntase nun 25% para mulleres, emigrantes retornados ou maiores de 45 anos.

CIM Lalín A conselleira, ademais da visita que realizou a Zapatería Martínez, desprazouse ata o Centro de Información á Muller (CIM) de Lalín, que nos seus 16 anos de labor constante atendeu a 845 usuarias e máis de 5.700 consultas non só do concello de Lalín, senón tamén de Agolada e Rodeiro. Lorenzana puxo en valor o traballo dos centros de información á muller de Galicia e indicou que materializan o compromiso do Goberno galego pola consecución “dunha sociedade máis igualitaria e plural, onde non teña cabida nin a máis mínima manifestación de discriminación ou violencia por razón de xénero”, apuntou.

A conselleira recordou que o CIM de Lalín contará este ano cunha axuda autonómica de preto de 100.000 euros, o orzamento “máis elevado da última década” e sinalou que ao CIM de Lalín súmanse outros 26 na provincia de Pontevedra, chegando a un total de 84 en toda Galicia que garanten o mantemento de 220 postos de traballo que, ademais de intervir en casos de violencia de xénero e ofrecer acompañamento en procesos xudiciais ás vítimas, prestan atención e asesoramento a unha media de 9.300 mulleres ao ano. A Xunta apoia aos Centros de Información á Muller cunha liña de axudas por valor este ano de 3,9 millóns de euros.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page