O fin é actualizar o marco normativo autonómico vixente co dobre obxectivo de “adaptalo aos novos retos” en materia de clima e enerxía e, á vez, “reforzar a seguridade xurídica”
Ecos da Comarca/Xeral
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que a Xunta impulsará a tramitación da Lei de administración ambiental simplificada de Galicia para actualizar o marco normativo autonómico vixente co dobre obxectivo de “adaptalo aos novos retos” en materia de clima e enerxía e, á vez, “reforzar a seguridade xurídica” que exixen tanto os promotores de actividades económicas suxeitas á intervención ambiental, como as administracións responsables da súa aplicación.
Para tal fin, o titular do Goberno galego informou de que o Consello autorizou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a iniciar o procedemento de consulta pública previa, antes de proceder á elaboración do anteproxecto lexislativo, un primeiro paso que permitirá tamén coñecer a postura da cidadanía sobre a necesidade de abordar esta norma e facilitaralle unha canle de participación na súa redacción.

Tal e como indicou a conselleira titular desta área, a melidense Ángeles Vázquez, a consulta estará dispoñible na web da Consellería “a partir de mañá (hoxe) e ata o mes de setembro”. A decisión, como explicou a responsable autonómica, responde tanto á complexidade e dispersión das normas sobre avaliación e intervención ambiental que caracterizan este momento como á propia experiencia adquirida desde a aprobación no ano 1995 da Lei de protección ambiental de Galicia. “A convivencia de diferentes normativas xera incertezas e mesmo pode poñer en perigo proxectos que xa contaban con autorización”, asegurou.
Todo isto fai recomendable revisar o marco normativo da protección ambiental a nivel autonómico e substituílo por unha nova lei que sistematice, actualice e integre os distintos instrumentos de prevención das actividades económicas suxeitas a control pola súa propia natureza e de acordo cos novos retos sociais e ambientais —sobre todo, cos derivados dos obxectivos da transición climática— e co marco regulatorio comunitario e estatal vixentes.
Publicidade
De feito, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta aspira a situar Galicia nunha “posición de vangarda” respecto ao resto de comunidades e para iso quere dotala dun dos ordenamentos ambientais máis modernos e innovadores de toda España, seguindo os exemplos recentes de Euskadi ou Asturias, que aprobaron nos últimos anos normas propias de intervención neste eido. Así, a futura lei galega garantirá que se cumpran os estándares de protección ambiental da UE, que foi a punta de lanza dos últimos avances do dereito ambiental, e irá en liña cos obxectivos do Pacto verde europeo, que pon no centro das políticas de desenvolvemento socioeconómico o obxectivo da neutralidade climática no ano 2050.
Publicidade
Para acadar estes obxectivos e de acordo coa tendencia a clarificar os procedementos administrativos, a nova lei simplificará algúns deles, sen prexuízo do rigor na análise dos proxectos e do mantemento dun alto nivel de protección ambiental que garanta sempre o máis estrito cumprimento do ordenamento comunitario nesta materia. Apostarase pola axilización dos procedementos de autorización, licenza e avaliación ambiental, pola mellora da coordinación entre as administracións implicadas na tramitación, fomentando a colaboración de todas as partes, e por unha revisión da definición dos instrumentos de prevención e control ambiental —como a autorización ambiental integrada— que actualice o réxime dalgúns deles ou mesmo elimine os que se consideren innecesarios. Ademais, a norma aplicará o principio de que cada proxecto se someta a un único procedemento ambiental de autorización ou de comunicación previa. Máis certeza e menos conflitividade
Fronte á dispersión normativa e para acabar coas posibles causas que xeran inseguridade e mesmo poñen en risco certas actividades e proxectos unha vez autorizados, a futura lei buscará introducir unha maior claridade e certeza no ordenamento xurídico ambiental de Galicia, reforzando, deste xeito, a seguridade xurídica dos operadores suxeitos á intervención ambiental pola natureza dos seus proxectos e, tamén, a das administracións públicas que teñen que aplicar o referido marco legal.
Publicidade
Ademais, tal e como explicou a conselleira, grazas á integración nun só texto normativo dos diferentes instrumentos administrativos exixidos polo ordenamento vixente, a Lei de administración ambiental simplificada tamén permitirá “previr ou minimizar a proliferación de conflitos xudiciais interpretativos” sobre a aplicación das devanditas normas e, polo tanto, proporcionará a seguridade necesaria para o asentamento de actividades que requiren dunha avaliación. “Seguiremos traballando para facer de Galicia unha terra atractiva para investir na que, como non pode ser doutro xeito e como ata o de agora, só terán cabida os proxectos que respecten escrupulosamente a lexislación en materia medioambiental”, manifestou Ángeles Vázquez.
Comments