top of page

A Xunta amplía 43 centros educativos con 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación

Entre estes das comarcas figura o IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín


Laura Moure/Lalín

A Xunta está a ampliar un total de 43 centros de ensino cun investimento de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Faino ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para adaptar as instalacións educativas ás novas realidades do ensino na actualidade. Así o explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao novo edificio de talleres de Formación Profesional do Instituto IES Antón Losada Diéguez, na Estrada. Entre estes centros das comarcas figura o IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín.


O titular de Educación da Xunta explicou que con estas actuacións de ampliación “se atenden as necesidades de escolarización de zonas con maior dinamismo demográfico”. Neste senso, detallou que a Consellería -da man dos concellos- analiza as previsións e necesidades de matrícula das diferentes zonas para dotalas das infraestruturas precisas.

Grazas a isto créanse prazas para matriculación de novos alumnos en Infantil e Primaria alí onde son necesarias e facilítase que os alumnos poidan realizar o ensino Secundario e o Bacharelato sen desprazarse a outros concellos. Tamén se amplían talleres de FP para atender o notable incremento de alumnado experimentado nos últimos anos.

“As actuacións de ampliación serven para dar adaptar os centros aos novos tempos, con espazos con novos enfoques pedagóxicos para distintas metodoloxías de aprendizaxe innovadoras, o que inclúe bibliotecas máis amplas, pistas deportivas cubertas e espazos de lecer”, enumerou o conselleiro durante a visita ás obras en marcha na Estrada.


Investimento nas catro provincias

Por provincias, as que concentran máis actuacións de ampliación, en consonancia cun maior número de alumnos matriculados, son as da Coruña (16 actuacións por 23,5M€) e Pontevedra (15 ampliacións por 29,2M€). En Lugo estanse a ampliar catro centros por importe de 3,9M€ e en Ourense un total de oito, cun orzamento de máis de 11,1M€.

No referido ao estado das actuacións, oito delas están rematadas, cun investimento de máis de 10,9M€, e outras 20 están en marcha, cun orzamento de 38,1M€. Ademais, están xa programadas outras 15 ampliacións, nas que se prevé un investimento de -como mínimo- 18,6M€, cifra que medrará cando se avance na súa planificación administrativa, dado que aínda hai varias cuxo orzamento está a determinarse por parte dos técnicos.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Aposta pola mellora do ensino

No caso concreto da visita de hoxe na Estrada, o conselleiro sinalou que a obra forma parte das ampliacións no eido de FP, que dá resposta ao “gran incremento da matrícula e ás necesidades de espazos totalmente equipados para impartir uns ciclos cada vez máis tecnificados”. “Estamos a dotar os centros de FP de máis e mellores espazos, no marco da aposta que a Xunta mantén desde hai máis dunha década con estas ensinanzas, cuxa prestixio medra día a día e cuxas cifras están en récords históricos”, destacou.


O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que neste ano 2024 remata o vixente Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, malia que algunhas obras programadas ao seu abeiro continuarán executándose dada a grande envergadura de moitas delas.


No caso do IES Ramón Mª Aller Ulloa a obra está programada e contará cun importe de 2.500.000,00 €.





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page