Perruquería Marisa.gif

A Xunta adxudica por máis de 455.000 € as obras para dotar de saneamento tres núcleos de Boimorto

Trátase dos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral e os traballos contan cun prazo de execución de catro meses


Laura Moure/Boimorto

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 455.477 euros as obras para dotar de saneamento os núcleos de Viladónega, O Outeiro e O Pedral, no concello de Boimorto. Esta intervención, adxudicada á empresa Vázquez y Reino, S.L, prevé iniciarse neste último trimestre do ano. Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses.

Foto de arquivo.

Esta intervención enmárcanse no convenio asinado entre a Xunta e o Concello polo que a Administración autonómica cofinancia a actuación nun 80%, comprometéndose a entidade local a realizar os trámites e a poñer á disposición os terreos, ademais de cofinanciar o 20% das actuacións.

As obras son susceptibles de contar con financiamento europeo do eixe REACT-EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

A actuación

Na actualidade estes tres núcleos carecen dunha rede de saneamento de augas residuais. Trátase dunha zona rural con vivendas unifamiliares, na súa maioría dispersas. Na contorna tamén hai unha pequena explotación gandeira de vacún e un bar.

As obras consisten na instalación dun sistema de saneamento composto por unha rede de colectores cos seus correspondentes pozos de rexistro e unha estación depuradora de augas residuais.

Executarase unha rede de colectores por gravidade sen bombeos intermedios e cun tramo en hinca para cruzar unha estrada autonómica. A rede rematará nunha depuradora de augas residuais que funcionará cun panel solar co que alimentar a instalación e un punto de luz.

A rede de colectores executarase en tubaxe de PVC, de diámetro 250 mm. A lonxitude total da rede é de máis de 2,5 km, complementada con 75 unidades de pozo de rexistro.

Con estas obras darase servizo a unha poboación de 99 habitantes para o ano horizonte 2044.

A Xunta segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no medio rural.

52 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif