O contrato, cunha inversión autonómica de preto de 85.000 euros, conta cun prazo de execución de 10 meses

Ethel Vázquez, xunto a Quintá, Sobrado, López e Fernández, hoxe en Rodeiro.
Laura Moure/Rodeiro
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidad, Ethel Vázquez, informou hoxe da adxudicación da redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento do concello de Rodeiro. Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, mantivo hoxe unha reunión co alcalde en funcións de Rodeiro, Rubén Quintá, na Casa do Concello para abordar o detalle das actuación previstas por Augas de Galicia. Tamén estiveron presentes algúns concelleiros como Pablo Sobrado e José Manuel Fernández.
A conselleira trasladoulle ao rexedor que o contrato se adxudicou á empresa Cuartazona Enxeñería S.L. por un investimento autonómico de preto de 85.000 euros e conta cun prazo de execución de 10 meses. Destacou que o obxectivo deste servizo materializar a solución idónea para a xestión e tratamento das augas residuais no núcleo urbano do municipio, que carece na actualidade dunha estación depuradora de augas residuais. Para iso Augas de Galicia redactou o pasado ano un estudo de alternativas para o saneamento de Rodeiro, no que se analizaron posibles actuacións de mellora da rede de saneamento existente.
Actuacións
Os traballos contratados pola Xunta permitirán a definición do proxecto construtivo para a mellora do sistema e realizaranse en base á alternativa proposta no citado estudo, que se estima supoñerá un custo de máis de 1,4 millóns de euros. Na reunión precisouse a solución proposta, que consiste na execución de 14 tramos de colectores de saneamento na rede actual, para conseguir a separación das augas pluviais e fecais; a construción dun colector xeral, dous ramais de conexión desde a rede de Rodeiro e unha depuradora para 700 habitantes. Ethel Vázquez puxo en valor "a importancia destas intervencións para contribuír a avanzar cara á mellora do sistema de saneamento municipal, que reverten na calidade de vida dos veciños de Rodeiro". A este respecto, subliñou a vontade da Xunta de continuar achegando o seu apoio técnico e financeiro aos Concellos para que poidan prestar de maneira eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.
留言