Este novo servizo público facilitará o acceso ao sacrificio de ovellas, cabras e porcos ás explotacións máis afastadas dos matadoiros convencionais, facilitando a súa actividade no rural
Laura Moure/Xeral
A Consellería do Medio Rural vén de elevar ao Consello da Xunta o informe sobre o matadoiro móbil de Galicia onde se anuncia que proximamente se porá en marcha este novo servizo público. A iniciativa, na que se levan investidos 670.000 euros, conta cunha dotación orzamentaria de 800.000 euros para o arranque do proxecto no territorio galego.
A iniciativa permitirá facilitar, con todas as garantías hixiénicas e de seguridade, o acceso ao sacrificio de ovellas, cabras e porcos daquelas explotacións das zonas máis alonxadas dos matadoiros convencionais. Ademais, no marco deste proxecto, prevese desenvolver unha marca de calidade que ampare os animais sacrificados neste matadoiro como produtos de proximidade, con alto benestar animal e con orixe en gandarías que actúan de cortalumes dos incendios forestais, achegándolle un valor engadido ás explotacións usuarias deste servizo.
Trátase dun servizo público pioneiro en España que disporá dunha unidade móbil de sacrificio do gando, montada sobre un semirremolque frigorífico, coa correspondente cabeza tractora, e unha plataforma base con sede fixa que se localizará nunha nave do concello de Chantada, que permitirá o almacenamento en cámaras frigoríficas das canais e o mantemento e desinfección da unidade móbil, ademais dos necesarios servizos administrativos de xestión deste servizo, entre outras cousas. Así, este proxecto beneficiará o sector gandeiro reducindo os custos de desprazamento aos matadoiros, o que se traducirá nun incremento da rendibilidade na comercializacións dos seus produtos. Tamén, ao reducir os tempos de transporte, diminúe de xeito significativo o estrés dos animais, redundando nunha mellora do seu benestar e no incremento da calidade das canais obtidas.
Publicidade
Estes beneficios permiten que as pequenas explotacións gandeiras con sistemas de crianza tradicional e extensiva que están asentadas en zonas de montaña, afastadas dos grandes núcleos de poboación e da maior parte dos matadoiros e das industrias cárnicas, poidan continuar coa súa actividade neses lugares. Deste xeito, mantense e increméntase o asentamento da poboación no medio rural, dinamizando así o territorio, unha das prioridades da Consellería do Medio Rural. Ademais, o almacenamento da mercancía na sede de Chantada favorece o acceso a vías de comercialización de carne alternativas e permite acadar maiores volumes comercializables.
A Consellería do Medio Rural prevé activar este matadoiro nas vindeiras semanas, abrindo unha primeira fase na que se estruturarán as rutas da unidade móbil mentras se comeza a desenvolver o servizo e se realizan os axustes pertinentes. Habilitarase un teléfono e un acceso web para resolver dúbidas e facilitar a petición de citas. Especificacións do matadoiro móbil Ao tratarse dun servizo pioneiro no noso país foi necesario deseñar e construír unha unidade móbil a medida con todas as instalacións precisas para ofertar o servizo, pois non había nada no mercado coas ditas características.
Publicidade
Deste xeito, a unidade móbil conta no seu interior con instalacións para desenvolver o mesmo proceso produtivo que calquera matadoiro convencional. Por outra banda, para establecer a sede do servizo decidiuse o alugueiro dunha nave preexistente no concello de Chantada, que foi adaptada ás necesidades previstas. Así, conta principalmente cunha oficina para a xestión administrativa e vestiarios para os traballadores, cámaras de almacenamento das canais, unha zona de xestión dos residuos, outra para albergar a unidade móbil e os vehículos que complementan o servizo e, por último, un lugar de desinfección e lavado dos vehículos.
O proxecto contará con veterinarios da Consellería de Sanidade, ademais de persoal auxiliar. Con respecto aos prezos, estableceuse que o custo por animal do sacrificio e maquía sería de 10 euros nos animais ovino e cabrún menores dun ano, mentres que naqueles animais destas especies que sexan maiores dun ano pasarán a ser 15 euros, mentres que o prezo dos animais porcinos será de 40 euros. Ademais, as persoas gandeiras poderán optar ao servizo de almacenamento das canais no lugar base, e mesmo ao seu traslado ata o centro de distribución.
Comments