A Xunta activa 11 novos espazos de cotraballo, entre eles un en Lalín e outro en Palas de Rei
Están destinados a emprendedores e recollen no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento
Laura Moure/Lalín/Palas
A Xunta de Galicia activará neste primeiro trimestre do ano 11 novos espazos compartidos de traballo (coworking) nas catro provincias e entre estes figuran nas comarcas un en Lalín e outro en Palas de Rei. Trátase de lugares de traballo destinados a emprendedores e que recollen no seu conxunto distintas actividades e asesoramento; están deseñados para aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, o que permitiu ata o de agora impulsar máis de 700 proxectos emprendedores no rural galego.
Para o seu desenvolvemento, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación renova, a través do Igape, o convenio coa Escola de Organización Industrial (EOI), impulsando así estes novos talleres que facilitarán, ata finais de 2022, a participación de 220 iniciativas empresarias nestes espazos de cotraballo, grazas a un investimento conxunto que supera o millón de euros. Estes 11 lugares de traballo, destinados a emprendedores e que recollen no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento. Así, e máis alá do propio espazo, os lugares de cotraballo (coworking) ofrécenlles aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio, na formación específica, mediante obradoiros prácticos centrados en temas de interese, e distintos eventos, como xornadas de redes empresariais (networking) ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

Os novos espazos configuran así un lugar de traballo colaborativo posto á disposición dos concellos e favorecen o impulso de zonas rurais ao achegaren un programa de alto valor engadido a estas contornas. Neste marco, durante o presente exercicio súmanse catro novas localizacións, das que tres se atopan na provincia de Ourense -nas comarcas do Carballiño e Valdeorras (con sede na Rúa) e no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole- e outra na comarca do Deza (Pontevedra), con sede en Lalín. Así mesmo, mantéñense sete espazos: tres en Lugo (na Ribeira Sacra, con sede en Monforte de Lemos, e na Mariña, con sede en Mondoñedo e en Palas de Rei, centrado no Camiño de Santiago); outro máis en Pontevedra, na comarca do Salnés, con sede en Vilanova de Arousa; e tres na Coruña, en Ferrolterra, Santiago de Compostela e na Costa da Morte, con sede en Cabana de Bergantiños.
Estes espazos empregaranse varias veces por semana, para as sesións de formación e para as titorías co mentor, e terán así flexibilidade suficiente para adaptarse ás posibilidades que poida ofrecer o concello. Cada edición de coworking terá unha duración aproximada de entre 5 e 6 meses.
Esta iniciativa enmárcase dentro da rede de aceleradoras que apoia o goberno galego e da que forman parten programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting For Good Galicia ou as business factories, vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood), o aeroespacial (BFAero) ou o de novos fármacos (BFMedicines). Configúrase deste xeito unha decidida aposta polo emprendemento na cal cabe destacar, tamén, outros programas e liñas de actuación, como o Galicia Emprende, que no período 2017-2021 ten facilitado a activación de 365 proxectos emprendedores, con máis de 25 millóns en axudas e mobilizando outros 54 millóns; ou o Galicia Rural Emprende, que impulsou 180 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos na súas tres primeiras edicións e concedeu axudas por importe de 11 millóns.