top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta acometerá as obras de reforma e mellora do colexio de Silleda cun investimento de 436.000 €

O goberno municipal valora positivamente o anuncio da Consellería de Educación, pero advirte que non é suficiente


Laura Moure/Silleda

A Xunta de Galicia vai acometer unha importante obra de reforma e mellora do colexio plurilingüe CEIP de Silleda, cun investimento que acadará os 436.000 euros. Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro para presentar ante a comunidade educativa os traballos que se van a desenvolver.

O titular de Educación do Goberno galego explicou que a intervención engloba tres grandes actuacións que son a reforma dos aseos da planta baixa, da entreplanta, da planta primeira e da segunda, a substitución das cubertas do edificio de primaria e a ampliación da aula de música.

Así mesmo lembrou que a previsión inicial para esta intervención era de 100.000 euros, pero unha vez completado o proxecto, o investimento “multiplícase por catro con respecto a esta previsión ata superar os 400.000 euros”, suba derivada da decisión da Consellería de ampliar o número de actuacións e da alza de prezos.

Nestes momentos, a Consellería de Educación está ultimando os pasos administrativos para poder licitar o proxecto nas vindeiras semanas. En canto á obra, que terá un prazo de execución de catro meses a contar desde a adxudicación, prevese que estea rematada en outono.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Román Rodríguez subliñou que esta actuacións suporá unha mellora do confort para a comunidade educativa deste colexio, “na mesma liña que a reforma do colexio Ramón de Valenzuela, que estamos a piques de adxudicar, cun investimento de 391.000 euros”, onde lembrou que tamén se actúa nas cubertas e nos aseos, entre outros. Os traballos desenvolveranse seguindo as especificidades marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para acadar recintos escolares máis cómodos, seguros e sustentables.

Así pois, contando tamén as melloras no instituto Plurilingüe Pintor Colmeiro, o investimento da Xunta en centros educativos de Silleda elévase a 923.000 euros na actualidade, o que, en palabras do conselleiro, “é a proba máis evidente do compromiso que temos desde o Goberno galego coas infraestruturas escolares deste Concello”.


Valoración do Concello

Pola súa parte, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, valora positivamente o investimento anunciado para este centro, “pero aínda así non nos parece suficiente á vista do estado do

mesmo”. Cuiña, que lle trasladou o parecer do goberno municipal ao conselleiro durante a súa visita hoxe a Silleda, entende que estas actuacións son as máis urxentes para subsanar “as graves deficiencias que presenta este centro, o máis antigo e co maior número de alumnos e alumnas”.


“Esperemos que unha vez executadas estas cuestións máis apremiantes se continúen acometendo as melloras necesarias para a reforma integral que vimos demandando dende hai anos, ca substitución das ventanas de ferro que aínda quedan, ou a dotación dun patio cuberto ou no seu caso unha pasarela permita ao alumnado do edificio de Infantil chegar sen mollarse ata o comedor do centro”, engade.


Dende o goberno municipal, que incluso no ano 2018 ante o mal estado do centro planteou á Consellería de Educación a construción dun novo colexio, sempre se viu reclamando esta opción ou no seu caso unha reforma integral para rematar cos problemas e deficiencias existentes, agravadas polo paso do tempo.


“Agradecemos a inversión, pero non é suficiente”, remarca o rexedor, que advirte “que estaremos atentos para que non se deixe de lado este centro unha vez acometidas estas actuacións”, engade.



16 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page