Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, acometeu –entre a parte final do pasado curso e este verán– e vén de activar un total de 17 actuacións en colexios e institutos públicos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes de cara ao curso académico 2022/2023 cun investimento global de 6,1 millóns de euros. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta relación de obras educativas para as comarcas xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes municipais, directivos e docentes de Silleda nunha visita ao IES Pintor Colmeiro, onde se procedeu á renovación de todas as luminarias e á cubrición dun espazo de lecer exterior.
Neste instituto, que recibíu diversas melloras por parte do Goberno galego en anos
anteriores por máis de 200.000 euros, cambiáronse as antigas luminarias por outras máis
eficientes de tecnoloxía Led para gañar en aforro enerxético e luminosidade e acometeuse
a segunda e derradeira fase da construción dunha zona cuberta no patio. En total, o
investimento para estas dúas actuacións, acometidas neste verán, cifrouse en 132.000
euros.
“Conseguimos que os centros educativos públicos destas bisbarras e de toda Galicia
estean en boas condicións para o curso que comeza hoxe (por onte) e por iso, dende a Xunta, impulsamos numerosas obras atendendo ás necesidades de cada colexio e instituto e que van dende ambiciosos proxectos estruturais ata pequenas actuacións que, en todo caso, buscan o mesmo obxectivo de que os centros sexan espazos confortables, eficientes, ventilados e multifuncionais atendendo aos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, explicou o representante autonómico, que deixou claro que “na Xunta non nos detemos nin nos conformamos co realizado e xa imos contratar outras sete actuacións na Estrada, Lalín, Silleda, Forcarei, Rodeiro e Dozón antes de que remate o ano”.
En concreto, a Consellería de Educación xa acometeu e rematou, ademais das dúas obras
no IES Pintor Colmeiro, a rehabilitación integral do CEIP de Figueroa (A Estrada), o
cambio de fiestras no CEIP Cabada Vázquez (A Estrada), a renovación do sistema
eléctrico do CEIP Xoaquín Loriga de Prado (Lalín), o cambio de luminarias nos IES Manuel
García Barros e Número 1 (A Estrada), Chano Piñeiro (Forcarei) e Ramón Aller (Lalín),
onde tamén se instalaron paneis fotovoltaicos, e a dotación dun módulo e doutras pequenas obras no IES Losada Diéguez (A Estrada).
Ademais, xa están en fase de licitación as melloras sectoriais dos colexios Nosa Señora
das Dores e de Soutelo de Montes, ambos no Concello de Forcarei, por 790.000 euros e a
renovación da iluminación no IES de Cotobade. Paralelamente, xa se están a rematar os
pregos, para iniciar en breve a fase de contratación, da ampliación do IES Losada Diéguez
da Estrada, e están en distintas fases a instalación dunha central de biomasa para o Xesús
Golmar e o Ramón Aller de Lalín que tamén dará servizo ao auditorio e a escola infantil, da
substitución de carpintarías do CEIP Pío Cabanillas de Dozón e de diversas melloras de
envergadura no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira (Silleda) e do colexio público de
Rodeiro.
Комментарии