A actuación, enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, inclúe o cambio das cubertas e a renovación completa das instalacións eléctricas, a iluminación e da fontanaría
Laura Moure/Arzúa
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a acometer na actualidade as obras de rehabilitación integral e enerxética do CEIP Pío Cabanillas Gallas, no Concello de Dozón, cun investimento de 313.000 euros para adaptalo ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Dozón, Adolfo Campos, e do xefe territorial de Educación, César Pérez, acudiu este venres ata este colexio público para supervisar os traballos, que comezaron hai algunhas semanas e avanzan segundo o cronograma previsto co obxectivo de telos rematados no que resta de ano.
“Creo que estamos ante unha obra importante, que responde a unha demanda cursada
polo alcalde de Dozón e que dende a Xunta estimamos necesaria para mellorar a confortabilidade da comunidade educativa e a eficiencia dun edificio que ten varias
décadas de antigüidade e que vai quedar en óptimas condicións”, detallou o representante
autonómico.
A actuación, que responde ás directrices deseñadas polo departamento autonómico para
converter os centros educativos en espazos polivalentes, multifuncionais e seguros, inclúe
o cambio de todas as cubertas, que é a parte da obra que se está a acometer nestes
momentos, a renovación completa das instalacións eléctricas, a iluminación e a rede de
fontanaría, a dotación de falsos teitos e o cambio de baixantes e canalóns.
Ao longo deste verán, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a realizar
melloras de gran calado en ata oito centros educativos públicos das bisbarras de Deza e
Tabeirós-Terra de Montes cun investimento de máis de 2,1 millóns de euros. Así, á obra
no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón, hai que engadir as actuacións que se están a
realizar no colexio público de Figueiroa e no Xoaquín Loriga de Prado, con senllas
rehabilitacións integrais, e nos doutros dous colexios do rural de Lalín e nos tres centros
educativos do Concello de Silleda.
Comments