top of page

A Xunta achega o 'Coñece Galicia' a Lalín coa posta en marcha do minicampamento 'O noso rural II'

Unha vintena de rapaces participan nesta iniciativa de conciliación durante toda a semana cun programa centrado na aventura e a inmersión no medio rural


Laura Moure/Lalín

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, está a achegar o programa Coñece Galicia ao Concello de Lalín coa posta en marcha do minicampamento O Noso Rural II, que se desenvolverá ao longo desta semana con actividades centradas na aventura e na inmersión no medio rural. Con motivo do arranque desta iniciativa xuvenil, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Lalín, José Crespo, asistiron esta martes ás primeiras actividades que están a celebrar os vinte participantes e que, nesta estrea, están a ter lugar no Museo Casa do Patrón.

“Temos unha campaña estival moi completa para a mocidade galega, na que ademais nos esforzamos coma nunca para tratar de que recuperen a súa vida social tras as restriccións máis duras da pandemia, e por iso dende a Xunta deseñamos numerosas iniciativas de esparcemento que buscan misturar a formación, o lecer e a conciliación das familias en todo o territorio”, sinalou o representante autonómico. O minicampamento O Noso Rural II ten un formato despregado en cinco xornadas consecutivas que inclúen manutención, aloxamento e programa de actividades empregando como sede un aloxamento turístico que, neste caso, é o Hotel Norat Torre do Deza. Ademais, a inscrición conta con descontos para os participantes que pertenzan a familias numerosas ou monoparentais ou que teñan activo o Carné Xove.


Esta quenda conta, como é habitual, coa participación de vinte nenas e nenos de 10 a 14 anos que gozarán de actividades como tiro con arco, sendeirismo, orientación, rastrexo, kaiak no rio Arnego, escalada, rappel, tirolina e visitas a enclaves rurais e etnográficos como Casa do Patrón.


8.000 prazas na Campaña de Verán

A Dirección Xeral de Xuventude, pertencente á Consellería de Política Social, organizou este ano unha campaña estival denominada O Verán Que Mereces, que conta con case 8.000 prazas entre campamentos e minicampamentos, orientados aos máis cativos e que buscan favorecer a conciliación, e campos de voluntariado, centrados nos mozos de maior idade e que pretenden favorecer a interacción social e valores como a solidariedade e o compañeirismo, entre outros.


Dentro desta campaña de verán enmárcase o programa Coñece Galicia, que alcanza as 600 prazas en toda a comunidade e 180 na provincia de Pontevedra, distribuídas en nove quendas de minicampamentos entre os meses de xullo e agosto nas localidades de Lalín, Sanxenxo, Bueu e Covelo.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page