A Xunta achega axudas ao Pino, Silleda, Arzúa, Melide e Vila de Cruces para a promoción do galego
- Laura Moure
- 23 jun
- 2 Min. de lectura
Están destinadas ás entidades locais para desenvolver accións de promoción do idioma como realización de campañas, cursos de formación ou outras actividades
Laura Moure/Xeral
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a concesión das axudas da Xunta para accións de promoción do galego destinadas ás entidades locais con achegas repartidas en 87 concellos, agrupamentos e mancomunidades, unha convocatoria na que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu en total 350.000€. Das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa recibirán estas axudas os Concellos do Pino, Silleda, Arzúa, Melide e Vila de Cruces.

As subvencións están dirixidas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, ben mediante a súa creación ou co mantemento ou reforzamento dun xa existente, promovendo o desenvolvemento de programas de dinamización en concellos. Ademais, tamén se impulsa, cos agrupamentos de municipios, a incorporación de localidades de menos de 3.000 habitantes que se poidan atopar con menos recursos para desenvolver estas tarefas.
Publicidade
A iniciativa responde ao compromiso do Goberno autonómico co apoio ás entidades locais no labor de normalización lingüística, en liña coas medidas incluídas no Pacto pola Lingua, colaborando con axudas económicas á posta en marcha e mellora dos servizos neste eido, tendo en conta que a administración local constitúe unha vía de dinamización da lingua prioritaria pola súa proximidade e o contacto mais directo coa cidadanía.
Neste senso, cómpre lembrar que a Administración galega creou no 2010 a Rede de Dinamización da Lingua que busca, precisamente, favorecer a acción conxunta e coordinada entre a Administración autonómica e a municipal no que ten que ver coa promoción e uso do galego.
Accións a desenvolver
O obxectivo das axudas é o desenvolvemento de propostas encamiñadas á creación e posta en marcha dun servizo lingüístico, habilitando un departamento técnico inserido na entidade local co fin de planificar, xestionar, executar e avaliar medidas, accións e actividades dinamizadoras da lingua, ou, no seu caso, ao mantemento dun servizo xa existente no concello, dándolle continuidade ás súas iniciativas ou reforzándoo de maneira que se poida atender a necesidades como a incorporación de máis persoal técnico.
Publicidade
Así, os proxectos en concreto implican a realización de accións e campañas de dinamización lingüística ben en formato material, como pode ser libros, audiolibros, xogos, ou representacións artísticas, ou ben no eido dixital como as propostas baseadas en soportes electrónicos, na web ou nas redes sociais. A isto, engádeselle o reforzo da formación lingüística, impulsando cursos formativos de lingua galega coa implicación do propio persoal técnico dos concellos.
Comments