Está destinado a persoas maiores de 60 anos
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou este sábado en Vila de Cruces a décima edición do programa Benestar en Balnearios, que ofrece estadías en 15 establecementos da comunidade galega para persoas maiores de 60 anos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o luns esta nova convocatoria, de maneira que o prazo para presentar as solicitudes abrirá o vindeiro martes e permanecerá aberto durante un mes.
A conselleira explicou que o Goberno galego continúa a mellorar esta iniciativa tan valorada polas persoas maiores, ao permitirlles manter unha vida activa e coidarse a elas mesmas. Por iso, este ano increméntanse as prazas ofertadas ata superar as 1.230 e tamén se aumentan as quendas aos meses de verán, de maneira que aquelas persoas que así o desexen poidan desfrutar deste programa desde o mes de xullo a decembro.
Publicidade
Fabiola García recordou que a Xunta procura dar resposta ás novas necesidades e preferencias das persoas maiores que desexan vivir unha xubilación chea de actividades. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego conta con aulas sénior e con convenios coas tres universidades para aquelas persoas que queiran seguirse formando; e tamén se impulsou este ano o Carné +65, que permite ofrecer descontos, vantaxes e viaxes para desfrutar desta nova etapa.
Publicidade
O programa Benestar en Balnearios está destinado a persoas maiores de 60 anos. Ofértanse estadías de 10 días en réxime de pensións completa en 15 establecementos de toda a Comunidade. O Goberno galego destina a esta convocatoria un 9% máis que na pasada edición, isto é, un orzamento de 300.000 euros.
Opmerkingen