top of page

A Xunta abre a nova convocatoria de axudas de mellora de establecementos turísticos con 3,5 millóns

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de marzo

Foto: Ecos da Comarca

Laura Moure

A Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia acaba de abrir unha nova convocatoria da orde de axudas para a mellora e modernización dos establecementos turísticos cunha dotación de 3,5 millóns de euros, o que supón máis do dobre dos 1,5 millóns investidos nesta mesma liña o pasado exercicio. Esta orde, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de marzo, está orientada a establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos turísticos, albergues (unha das novidades deste ano) e negocios de restauración co obxectivo de que poidan reforzar o seu servizo de calidade e dotarse dunha oferta competitiva e diferenciada, axudando a conferir confianza e seguridade nos viaxeiros, coincidindo co dobre Ano Santo 2021-2022.


Na convocatoria, xa aberta, recóllese que as axudas poden financiar ata o 50% do investimento realizado cunha contía máxima de 50.000 euros, o que supón un incremento do 42% nas achegas con respecto aos límites do 35% e os 35.000 euros fixados en 2020. As accións subvencionables inclúen medidas que garantan a accesibilidade e a supresión

das barreiras arquitectónicas e que permitan obter certificacións, como a Q de Calidad Turística ou elevar a categoría do establecemento. Tamén se financiarán accións a prol da

sustentabilidade, como a mellora da climatización coa posta en marcha de medidas de

aforro enerxético, actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización, a modernización dos locais e o embelecemento da contorna, a dotación de equipamentos

mobles para o seu funcionamento e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.


Na anterior convocatoria, a Xunta de Galicia financiou un total de 80 proxectos de mellora de establecementos turísticos, dos que 41 correspondéronse coa provincia de Pontevedra.

Ademais, un total de 23 beneficiaron ás bisbarras do norte da provincia cunhas achegas de 587.000 euros por parte do Goberno galego.


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page