Os 750 dorsais dispoñibles esgotáronse en tempo récord, en apenas hora e media
Laura Moure/Melide/Palas
O pasado venres presentouse no Concello de Melide a X edición da media maratón “Os 21 do camiño”, coa presenza do alcalde de Melide, José Manuel Pérez, do concelleiro de deportes, José Prado, do alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, que acompañaron a membros da Asociación Deportiva Cerne, encargados da súa organización.
A proba celebrarase o sábado 17 de xuño ás 18:30 horas con saída na Praza do Concello de Palas de Rei e con chegada no Cantón de San Roque de Melide, transcorrendo na maior parte do percorrido polo tramo Francés do Camiño de Santiago.
Ao mesmo tempo, ao igual que na edición pasada, celebrarase simultaneamente á proba raíña unha competición de 6 quilómetros, dende o Coto ata Melide.
Os 750 dorsais dispoñibles para a media maratón esgotáronse en tempo récord, en apenas hora e media, o que demostra o éxito dunha proba que na actualidade está considerada como un das mellores media maratón de España.
Os representantes da organización destacaron que na actualidade a proba é moito máis que unha simple proba deportiva, "xa que as vilas de Melide e Palas de Rei reciben esa fin de semana a multitude de familias que aproveitan a proba para desfrutar da nosa cultura, patrimonio e gastronomía".
O alcalde, José Pérez, e o concelleiro, José Prado, destacaron o magnífico traballo que realizan ano tras ano dende a Asociación Deportiva Cerne e brindáronlles toda a colaboración que precisen para seguir mantendo a carreira como referencia a nivel nacional, o que supón proxectar no exterior unha magnífica imaxe do concello.
Cita o 17 de maio
A Asociación Deportiva Cerne vén tamén de consolidar a “Quedada Os 21 do Camiño” que se celebrará o día 17 de maio e que conta con tres distancias para andar ou correr. Esta proba que nun primeiro momento se iniciou para que a a xente coñecera o terreno polo que posteriormente se ía a realizar a proba, converteuse nunha data fixa para moitas persoas que aproveitan a festividade das Letras Galegas para practicar deporte en familia ou con amizades.
Comments